• Segue conectado
  • |

O necesario comercio de proximidade.

Novas do Eixo Atlantico - OpiniónCADERNOS DA VIAXE.
A importación do “black friday” é boa excusa para mirarmos cara ao noso comercio de proximidade e decatarnos do dano que sofriu tanto pola Grande Depresión como polas agresivas políticvs desenvolvidas polas Administracións. Rajoy, coa súa recentralización favorecedora das grandes superficies comerciais, botou por terra as lexislacións autonómicas protectoras (como a Lei de Horarios Comerciais galega aprobada por iniciativa nacionalista no 2006) tanto nas aperturas como nos horarios. E alcaldes como Francisco Vázquez esmagaron o comercio de proximidade na súa cidade, favorecendo a apertura de tantas superficies comerciais que converteron A Coruña na cidade do Estado con máis m2 por habitante. Velaí o fracaso do Dolce Vita e do Canton Village . E o peche forzoso de tantos comercios tradicionais.

Os países máis desenvolvidos da Europa decatáronse do íntimo vencello entre unha oferta comercial achegada aos centros e barrios e a propia vitalidade e seguranza da cidade. As cidades sen comercio de proximidade, as cidades que teñen que mercar nos macrocentros das aforas, son cidades menos vitais, menos ricas e menos seguras. Que calidade de vida lle ofrecemos aos habitantes maiores dos nosos barrios condenándoos á dependencia de familiares ou ao uso eterno do coche particular para mercar?

Convén sinalar, tamén, que o comercio de proximidade que nos segue a atender fixo un enorme esforzo ao longo destes últimos anos. De certo que xa se decatou vostede que no negocio onde toma o seu café da mañá, tiveron que prescindir de dous camareiros e o xefe e empregados que fican atendendo multiplicaron os seus horarios. Tamén é xusto recoñecer o enorme esforzo de modernización, profesionalización e especialización dos nosos comerciantes de proximidade para mellor atender as nosas necesidades. Mesmo xurdiron en Galicia novos modelos de éxito que axiña abriron varios establecementos nas nosas principais vilas e cidades. Porque comercio de proximidade non é só pequeno comercio. É a oferta que atende no noso barrio a que permite que éste siga a ter vida.

Ten razón Manolo Rivas cando afirma que as cidades morren cando os ricos se pechan en ghettos. Mais tamén comezan morrer cando a súa veciñanza non pode mercar todo o que precisa na súa contorna vital.

 

 


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 29 Nov 2015.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies