O Miño impulsa “lobby” para acceder a fondos europeos

Dentro do novo marco comunitario 2021-2027

Tui | O territorio do Miño aumentará a súa coordinación e as súas sinerxías para funcionar como lobby e multiplicar o seu financiamento europeo no novo marco comunitario 21-27. Así o manifestaron hoxe as e os representantes da Deputación, a CIM Alto Minho, o AECT Río Minho e os concellos da ‘raia’ nunha xornada de traballo para a preparación de proxectos europeos para a zona.

Todos os axentes pretenden superar amplamente os 6 millóns de euros acadados no período 14-20 dos fondos POCTEP, unha cifra que apenas chega ao 2% dos 300 millóns dispoñibles para a UE, e que se considera moi escasa para un territorio como é o miñoto: moi extenso e dobre e duramente afectado pola COVID nos últimos dous anos. Neste sentido destacouse que “só unidos, facendo lobby, poderemos reclamar e presionar para ter fondos”, destacou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez, que fixo de condutor das xornadas.

O obxectivo será aumentar o volume de recursos a investir no territorio presentando proxectos en eixos estruturantes e de grande potencialidade como a valorización da marca turística Rio Minho e a creación dun Anel Verde de sendeiros, a mobilidade suave, a gobernanza conxunta e a dinamización económica.

Para obter resultados con actuacións concretas o territorio botará man das ideas da Estratexia 2030 e tamén dunha base de datos creada pola Deputación de Pontevedra feita con achegas de 44 axentes locais do territorio nos últimos anos, principalmente os concellos miñotos. Nela recóllese unha batería de 175 iniciativas e accións ás que se poden sumar de maneira continua novas propostas que, unha vez estruturadas, coordinadas e dimensionadas, poderán presentarse ás candidaturas que se abran para acadar fondos europeos a través do AECT Rio Minho como instrumento de xestión.

Outra das ideas que se puxo sobre a mesa é a necesidade de diversificar a consecución de financiamento para o territorio e non limitarse a aproveitar os fondos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), senón tamén os fondos de resiliencia e os de Reto Demográfico, onde se abren diferentes oportunidades.
Rio Minho, área funcional

Unha das novidades da xornada foi anunciada polo subdirector adxunto da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, Adrián Vecino, que deixou aberta a posibilidade de que o Río Minho poida ser considerada ‘área funcional específica’ dentro do POCTEP para obter investimentos en función das súas necesidades concretas.

Vecino destacou que se ben nestes momentos o territorio miñoto non ten esa consideración, a definición das áreas funcionais “está aberta” e poderase modificar posto que está plantexada de maneira “piloto”, abríndose a novas incorporacións.

Destacou que os AECT, con personalidade xurídica, poderán xestionar os ‘small projects’ que terán fondos específicos en cada convocatoria do POCTEP, abrindo así a porta a que o Río Minho teña capacidade de xestión. Finalmente, anunciou que nos vindeiros dous ou tres meses abriranse as primeiras convocatorias para solicitar cartos da UE.

Pola súa banda, o asesor do gabinete da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico Miguel Ángel Pérez, falou das diferentes opcións para obter financiamento dentro do departamento do Estado no que traballa, posto en marcha hai apenas dous anos.  “A canle está aberta e nós faremos de lobby na parte que nos toca”, dixo en referencia ao chamamento de unidade dos axentes do Miño e á petición de implicación da Xunta e o Estado á hora de defender o territorio.

Reclamación de máis presenza nas decisións
“Os fondos europeos non poder seguir sendo un instrumento para presentar proxectos por presentar –subliñou na clausura do encontro Carmela Silva-, senón que estes teñen que ser estratéxicos, con obxectivos claros e teñen que converterse en fondos que transformen en pouco tempo, porque o podemos facer, e nese senso na AECT somos un modelo a seguir”.

A presidenta provincial destacou que a posta en marcha no seu día desta entidade transfronteiriza “foi un proxecto de éxito porque hai moita paixón por un entorno que ten moitísima potencialidade”. E reclamou máis recursos para que as grandes transformacións poidan ser posibles e para que o mundo local “deixe de ser un mero instrumento político subsidiario doutras administracións” e poida xogar o papel relevante na definición do deseño dos proxectos “e estes signifiquen crecemento, desenvolvemento e grandes transformación onde se invisten eses recursos”.

Neste senso, tamén avogou porque nas convocatorias que saian de recursos públicos se obrigue “aos organismos con capacidade lexislativa, e refírome ás Comunidades Autonómicas, a defender os mellores proxectos, con criterios obxectivos, para que cheguen recursos públicos directamente e haxa unha transformación equitativa e poidamos facer fronte aos moitos retos que temos que enfrontarnos cos instrumentos xurídicos necesarios para avanzar”.

Concluíu sinalando que “a palabra planificar é obrigada no mundo das administracións públicas e nós temos un plan estratéxico para a zona, temos claro que hai que facer aquí, e imos traballar para reivindicar as nosas causas. Con recursos, en cinco anos non hai quen coñeza a este territorio, pero precisamos que se aposte pola transformación, non por gastar recursos europeos”.

Pola súa banda, o presidente da CIM Alto Minho Manoel Batista, insistiu en que é preciso dar a volta á situación do financiamento europeo. “Ter conseguido só o 2% do POCTEP para o territorio do Minho é nota de que algo está mal. Temos que retomar os valores da fronteira e presentar proxectos serios, estruturais, concretos e ben definidos para destacar a nosa situación diferenciadora”, subliñou.  Neste sentido, indicou que hai visión das potencialidades, unha estratexia clara para actuar, proxectos concretos preparados, “e agora o que fai falta é facer lobby para que os fondos cheguen á fronteira”.

Outros artigos