Xinzo de Limia | A plataforma STOP Eólicos Xurés Celanova en colaboración con ADEGA Monterrei, o Sindicato Labrego Galego e o Club de Parapente Baltar, organiza este sábado, 26 de novembro, en Xinzo de Limia unha charla informativa sobre a ameaza eólica nas comarcas limiás, onde o maior parque natural do país, O Xurés, as montañas occidentais do Macizo Central e as reservas da biosfera Gerês-Xurés e área de Allariz están en risco.
A charla celebrarase ás 17:00 horas deste sábado no Salón de Plenos do Concello de Xinzo de Limia, grazas a boa disposición do goberno municipal de Xinzo de facilitar as accións de información á veciñanza.
Na charla ofrecerase unha análise sobre os impactos do proxecto complexo Mistral-Tramontana na serra do Larouco, desde as afeccións ao medio até as consecuencias para os usos lúdicos e deportivos das serra. Este proxecto, en fase de exposición pública, ten xerado unha ampla contestación social en Baltar e Xinzo.
Tamén se sinalarán os impactos do proxecto Lamas II, en exposición pública desde este mesmo luns, e presentado por separado co de Lamas de Feás, cando a propia promotora (Greenalia) recoñece que compartirán accesos e liñas de evacuación. É dicir, trátase dun mesmo proxecto que destruiría, entre outros efectos graves, a paisaxe da Aguioncha e a Pena Loba. A contestación a este macro proxecto e á LAT de evacuación levou a presentar máis de 1.500 alegacións de oposición o verán pasado.
Desde Salvemos O Támega ADEGA Monterrei informarán sobre outro macro-proxecto, este en tramitación estatal, que ameaza o Macizo entre Vilar de Barrio e Laza e que é rexeitado polos seus severos impactos ambientais, non só polos colectivos ecoloxistas, senón tamén por comunidades de montes e institucións públicas. Mais a empresa, a compañía estatal norueguesa Statkraft, insiste en chantar aeroxeradores de 215 metros de altura (os máis altos colocados no país) sobre a serra de San Mamede.
A charla está aberta a toda a veciñanza da Limia e disporanse os medios para o seu seguimento a través de Internet.