“O incendio”, XLII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor

A xornalista e escritora pontevedresa Sara Vila recibiuno en Ourense

Ourense | O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu o acto de entrega do XLII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, que recaeu na xornalista e escritora pontevedresa Sara Vila Alonso pola súa obra O Incendio, tal e como acordou o pasado 25 de novembro o xurado do certame, que escolleu a obra gañadora de entre un total de 21 orixinais presentados a esta edición.

Sara Vila recolleu o galardón -dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica de Acisclo Manzano- de mans de Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense e da Fundación Eduardo Blanco-Amor, nun acto no que tamén estiveron presentes o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Fundación, Luis González Tosar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; os membros do xurado, e autoridades e representantes do mundo da cultura ourensá e do resto de Galicia.

Luis Menor afirmou que con este premio a gañadora “afianza unha sólida traxectoria con diversos premios que ilustran o seu enorme talento literario”, agora posto de manifesto unha vez máis coa novela galardoada. Nesta liña aportou un dato moi significativo: “tres novelas, gañadoras do Blanco-Amor foron premiadas posteriormente co Premio Nacional de Narrativa. Oxalá esteamos ante a cuarta nestes intres…”.

O presidente provincial destacou que “estamos ante un galardón cheo de vida logo de 42 edicións”, polo que a Deputación e a Fundación Blanco-Amor encaran unha nova etapa para ampliar a repercusión do certame. A obra do escritor pervive logo de 46 anos do seu pasamento, razón fundamental, dixo, “pola que as institucións públicas debemos seguir impulsando os seus libros, difundindo o seu modelo de ourensán cosmopolita, fondamente comprometido coa lingua e coa cultura de Galicia, todo un exemplo para as novas xeracións”.

Por todo elo, a Deputación de Ourense seguirá brindando todo o apoio posible “como depositarios do valioso legado dun dos grandes autores en galego e castelán que inmortalizou a Auria”.

Anxo Lorenzo sinalou entre tanto que se premia o inicio dunha carreira literaria, en referencia á gañadora, felicitando á Deputación de Ourense por ser quen no seu momento de relanzar este premio. Pola súa parte, o presidente da fundación, Luís González Tosar, anunciou que a Fundación editará, en colaboración coa Deputación, o facsimil dos seis números publicados na Arxentina da Revista Terra, fundada en 1923 polo escritor.
“Se seguísemos a corrente do río que pasa por esta cidade de Auria chegaríamos a Neboeiro, a aldea en que transcorre O incendio”, asegurou pola súa banda Sara Vila.

“Había xa un vínculo entre Ourense e esta historia sen que eu fose moi consciente, pero este recoñecemento intensifícao e convérteo nunha fermosa coincidencia”, expresou a gañadora do certame literario de maior prestixio en lingua galega.

“Escollín unha protagonista adolescente afacéndose ao mundo, con toda a súa violencia, con toda a súa hostilidade, pero tamén con toda a tenrura dunha avoa imperfecta que a acompaña”, engadiu, proclamando o seu orgullo por formar parte de algo tan punteiro, con tanta proxección e recoñecemento como a literatura galega”.

Xornalista e escritora
Sara Vila Alonso (As Neves, 1989) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade é xefa de Comunicación da Editorial Xerais. Como autora acadou en 2016 o primeiro premio no Certame Literario Viadutos de Redondela polo relato Adeus, María. Na súa etapa como xornalista no Diario de Pontevedra foi recoñecida co segundo premio Comunicar en Igualdade 2019 polo artigo O noso toque de queda.

Oito días sen Eva Cortesé a súa primeira incursión na novela, coa que gañou en 2021 a quinta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos, convocado pola Editorial Galaxia en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Unha obra da que o xurado destacou entón a súa solvencia narrativa e tratamento de temas de plena actualidade.