O IGADI celebra o Día internacional da Lingua Portuguesa

Cunha publicación especial do Observatorio Galego da Lusofonía (OGALUS)

Pontevedra | No marco do 5 de maio, o Observatorio Galego da Lusofonía, do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), no marco do seu décimo quinto aniversario, pon en marcha un especial que circula por distintos continentes, achegándose a cuestións esenciais para o dominio da lusofonía no século XXI.

Entre elas, o papel de Galicia ou Macau, a importancia da mobilidade das persoas no espazo xeopolítico da CPLP, o papel das zonas transfronteirizas en construción no espazo internacional lusófono ou as diferentes relacións entre actores e axentes da lingua portuguesa.

No especial participan 23 investigadoras, desde Galicia, Portugal, Brasil, Cabo Verde, Mozambique e Timor Leste, entre outros. O especial OGALUS realizouse baixo a coordinación do académico Wesley Sateles Guerra, e contou coa colaboración do CERES do Brasil e da Juventude Unida de Países de Lingua Portuguesa.