
Vigo | Con motivo do pasamento do escritor X.L. Méndez Ferrín, o IES Terra de Turonio e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! lamentan a perda dunha persoa que contribui de maneira decidida ao recoñecemento do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués.
No caso do Instituto, Ferrín foi un grande defensor do nome do centro e chegou a escribir diferentes artigos sobre a orixe do topónimo chegando a propor que a área metropolitana de Vigo se denominase a Terra de Turonio.
Tamén mantivo un vencello co centro educativo a través do traballo cos curros de Gondomar que o instituto integrou como parte do patrimonio vivo das familias do alumnado do centro. Froito dese proceso realizouse o proxecto Ceibes no monte co que Ferrín colaborou activamente participando na exposición celebrada no Museo do Pobo Galego e no libro «Ceibes no monte. Patrimonio vivo na terra de Turonio» (que reunía conto e textos xunto cun documental sobre os curros e os garranos noVal Miñor).
Ferrín visitou o centro co seu amigo Anxo Angueira ou con Xaquín Troncoso, da Federación Hípica Galega para guiar e asesorar os traballos educativos cos cabalos, realizándose varias saídas polos curros do Galiñeiro, de Morgadáns ou de San Cibrán.
Con Ponte…nas ondas! Ferrín asesorou os traballos da candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á UNESCO presentada en 2004. Ferrín sumouse ao seu apoio a loubou publicamente que a iniciativa saíse dos centros educativos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Paricipou nalgunha das edicións da xornada radiofónica sendo entrevistado polo alumnado en diversas ocasións. Interviu en entrevistas na radio escolar falando dos cabalos, a lingua, o patrimonio galego-portugués e o propio topónimo Terra de Turonio.




