O humanismo solidario de Castelao.

Cando a fame entra na familia do vello mariñeiro, o Rifante, este pide ao pai de Castelao cartos para botar unha balconada nova na súa casa. Pero, cando se lle recorda que “a fame cúrase con pan”, o Rifante replica que, se a xente ve que está en obras, non pensará que a súa familia pasa fame. E sentencia con dignidade: “a vergonza é pior que a fame”.

Noutra ocasión, Castelao cóntanos a crueldade dun neno cunha pobre esmoleira. Cando o neno sen escrúpulos, xa home, faise rico na emigración, o rianxeiro exclama: “Queira o Ceo que non retorne”. Castelao censura a falta de humanidade da xente que se burla da anciá á que lle morre o compañeiro da súa vida e que, ao despedirse docemente do defunto, exclama desde o fondo da alma: “deica logo, Eleuterio”. Porque a vella desexa morrer axiña para poder seguir con el… Castelao desmitifica o mundo idílico da emigración cando “Migueliño” se decata do lamentable estado en que regresa de América o pai idealizado… Castelao fainos comprender a dor dun pai que prefire recordar ao seu fillo morto mediante un retrato inventado pero anxelical antes que telo gravado nos sufrimentos da agonía…Castelao desmitifica o mundo dos mortos ateigado de zobis arrepiantes cando sentencia: “Os esqueletes son tan parvos como as persoas. Abonda decir que non pensan máis que en beilar”…

As mostras do seu fondo humanismo e da súa intención didáctica, son interminables. Logo de desfrutar e de aprender tanto coa lectura das Cousas, dos Retrincos e de Un ollo de vidro, non podo menos que expresar neste ano de Castelao, o sentimento de humildade que produce no lector a fondura en que o rianxeiro nos mergulla para facernos comprender as razóns e a psicoloxía que subxacen aos comportamentos, aparentemente incoherentes, de diversos tipos populares.

“Castelao foi quen de afondar, como ningún outro, na psicoloxía e no modo popular de concibir a vida e a morte”

Castelao foi quen de afondar, como ningún outro, na psicoloxía e no modo popular de concibir a vida e a morte. A súa obra literaria constitúe todo un tratado de antropoloxía cultural que cambia, de maneira substancial, o enfoque preconcibido do lector e o achega á comprensión doutra realidade, doutra mentalidade, doutra maneira de entender a existencia que tantas veces foi -e aínda é- irracionalmente menosprezada desde a distancia física ou intelectual.

Castelao -a persoa- na súa entrega absoluta á súa Terra, empregou o discurso político, a narrativa, a novela, o teatro, a arte… todas as armas á súa disposición para lograr a dignificación e o progreso cultural e material de Galicia e das súas xentes.

Ás veces, demasiadas veces, as forzas do mal, da crueldade, da intolerancia, vencen sobre o pacifismo e o humanismo. Vencen sobre os bos e xenerosos. A Castelao estas forzas conducírono á amargura do exilio e á morte lonxe de Galicia. Pero no seu empeño e co seu traballo, a técnica literaria e o afán educador, Castelao creou escola e outros -como Rafael Dieste ou Ánxel Fole- foron os seus dignos continuadores.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.