O grupo ponteareán Mistura Vocal busca o título no XXII Gran Premio Nacional de Canto Coral

No certame disputado en San Vicente de la Barquera

Ponteareas | A música coral leva o nome de Ponteareas por todos os recunchos de España. O coro Mistura Vocal participará esta fin de semana en San Vicente de la Barquera no XVII Gran Premio Nacional de Canto Coral, un festival de festivais que se retoma tras o parón da pandemia e no que participan os gañadores dos cinco concursos a nivel estatal que se celebran cada ano nesta mesma cidade cántabra, en Zumárraga, en Griñón e en Ejea de los Caballeros.

“É moi satisfactorio ver como todo o traballo e esforzo que están a realizar dá os seus froitos. Por iso non podemos máis que desexarlles moita sorte, porque seguro que coas súas interpretacións deixan o nome de Ponteareas moi alto”, asegura a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. A rexedora quixo darlles tamén “os nosos parabéns, estou segura de que farán un papel extraordinario”.

Mistura Vocal participa como representante do Certame da Canción Mariñeira de San Vicente de la Barquera, concurso que gañou no 2019. O coro, nado en 2014, está formado por persoas maioritariamente ponteareás, pero tamén do resto da zona sur da provincia de Pontevedra e a pesares da súa xuventude xa conta con tres primeiros premios, ademais do premio especial do público en tres importantes concursos estatais.

“Para nós é todo un orgullo e un reto participar neste certame. Somos conscientes de que o público da música coral non é tan amplo, non obstante, nestes intres en Galicia hai un movemento coral moi importante e de moita calidade”, salienta a presidenta, Eva García.

O coro ponteareán trata de incluír no seu repertorio obras de diferentes estilos e épocas, sempre na procura da excelencia do son e da interpretación, así como o goce da propia música.

Ademais, realiza concertos colaborando con diferentes disciplinas artísticas, dando maior visibilidade á música coral e achegándoa a un público máis amplo e diverso.

Baixo a batuta da súa directora, Aloia Martínez, aposta pola formación vocal e musical do propio coro invitando a compositores e directores, tratando de achegar ao coro diferentes visións e un coñecemento máis amplo da música coral.

No Gran Premio Nacional de Canto Coral o coro ponteareán participará cun programa que inclúe ‘Ecoo mormorar lónde’, de Claurio Monteverdi; ‘O sapientia’, de Tadeja Vulc; e as ‘Cantigas galegas’ de Julio Domínguez.