O grupo de emerxencias de Maceda recibiu un equipo de excarcelamento

Por valor de case 57.000 euros entregado pola Xunta de Galicia

Maceda | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, fixo entrega ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Maceda dun equipo de excarceración para rescate, que supuxo un custo de case 57.000 euros e que esta destinado a atender determinadas intervencións como accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados ou outras estruturas colapsadas. Ao acto tamén acudiron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo.

O equipo serve para calquera tipo de emerxencias de salvamento ou rescate onde sexa necesario empregar ferramentas hidráulicas de corte, separación, tracción e elevación. Consta dos elementos necesarios para a intervención en rescate como unha bomba hidráulica con motor de combustión, 4 mangueiras hidráulicas, 2 cizallas, unha delas cortapedales, un separador, un cilindro RAM separador, 2 puntais de estabilización, unha ferramenta combinada con baterías e cargador para realizar operacións de separación, corte e obturación, un protector de Airbag, un xogo de bloques e cuñas un set de cubertas protectoras para as vítimas e escudos protectores para vítimas e rescatadores, e unha serra e un punzón rompecristais.

Maceda é sede dun dos 6 novos servizos de emerxencias creados o ano pasado no marco da Comisión de Seguimento dos GES -da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)- co obxectivo de reducir os tempos de resposta en situacións de risco. Este GES atende as incidencias dos concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

Na provincia de Ourense tamén se creou o GES da Veiga, que dá cobertura aos municipios de A Veiga, O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. A eles sumáronse en 2021 os GES de A Cañiza, A Lama e Mos/Redondela, na provincia de Pontevedra, xunto co servizo municipal do concello coruñés de Noia.