O Goberno de España subvenciona a transporte urbano de Ourense

O Concello recibirá 333.000 euros para a rebaixa dos billetes

Ourense | O Concello de Ourense recibirá do Goberno de España 333.294,36 euros en concepto de axuda para reducir os títulos de transporte multiviaxe: os da tarxeta Milenio ordinarios e para estudantes.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana incluíu esta cidade na relación provisional de entidades locais beneficiarios das axudas directas ao transporte público terrestre urbano no ámbito local regulada polo RD-Lei 20/2022.

Esta subvención, solicitada por acordo da xunta de goberno Local do 30 de decembro de 2022, permitiralle ao Concello de Ourense compensar a perda de ingresos pola rebaixa de prezos que operan desde o 1 de xaneiro até o 30 de xuño de 2023, e que fixan en 0,31 euros cada billete ordinario pagado coa tarxeta Milenio (un desconto do 50%) e en 0,22 euros os da tarxeta Milenio Estudantes (cunha baixada do 48,33%).

O billete ordinario sen tarxeta mantense en 0,85 euros, e de balde para as persoas menores de idade, pensionistas, discapacitadas e desempregadas.