O fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo, gañador do II Premio Carlos Casares-Kristina Berg

Co seu traballo "Crisis en el Líbano"
Reunión do xurado.

Ourense | O fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo é o gañador do II Premio Carlos Casares-Kristina Berg, pola “sensibilidade da súa mirada fotográfica, a calidade artística das súas obras e o respecto e compromiso social que transmite o seu traballo”, segundo reflicte a acta do xurado, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O galardón, organizado pola Fundación Carlos Casares, conta co patrocinio da Deputación de Ourense que achega os 10.000 euros cos que está dotado este premio.

O xurado desta segunda edición do Premio Carlos Casares-Kristina Berg estivo presidido pola deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, ademais de Cristina Pato, María Martinón-Torres, María Canosa, Fernando González “Gonzo”, Xavier Casares como presidente da fundación que leva o nome do escritor ourensán, e Cristian Fojón Caruncho, gañador do premio do pasado ano.

O traballo de Brais Lorenzo foi elixido de entre as tres candidaturas seleccionadas, destacando o xurado o excelente nivel dos outros dous aspirantes “o que converteu o fallo nun proceso especialmente difícil e onde houbo que considerar todos os matices dos currículos presentados”.

“Para min é unha gran honra recibir este recoñecemento por parte dunha fundación e da Deputación que tanto están a facer pola promoción da cultura”, dixo o premiado, que expresou tamén a súa ledicia pola decisión do xurado, “que me anima aínda máis a desenvolver a miña paixón que non é outra que o fotoxornalismo”.

Crisis en el Líbano. Una vendedora de globos junto a su hija en la Cornise, el paseo marítimo de Beirut, al anochecer.

Brais Lorenzo Couto formouse como técnico superior de Fotografía na Escola de Arte e Deseño Antonio Faílde de Ourense e graduouse en Xeografía e Historia na Universidade de Vigo. Como fotógrafo profesional colabora habitualmente coa Axencia EFE e Faro de Vigo e ten publicado noutros medios como El País, Nós Diario, Revista Luzes, o británico The Guardian, e axencias de noticias como AFP ou AP. Algúns dos seus traballos xa formaron parte de exposicións fotográficas tanto en Galicia como no estranxeiro.