O fotógrafo ourensán Xan Padrón retrata cidades de todo o mundo a través das persoas que as habitan

O seu proxecto foi seleccionado para o programa Art on Link de Nova York
Xan Padrón e Cristina Pato na Praza do Ferro de Ourense.

Ourense | A Sala Valente acolle a exposición “Time-Lapse”, do fotógrafo ourensán Xan Padrón, unha colección de retratos humanos de cidades arredor do mundo. A mostra chega á cidade logo dunha prestixiosa traxectoria internacional, que a levou a espazos senlleiros como a sede da Organización das Nacións Unidas, o Edificio Pfizer de Nova York, feiras internacionais de arte e ser seleccionada para proxectos, feiras e publicacións internacionais. A exposición, organizada polo Concello de Ourense, permanecerá aberta ao público até o día 23 de xaneiro.

No ano 2011 o fotógrafo Xan Padrón comezou coa súa serie Time-Lapse. A súa fascinación polo tempo e o movemento xunto coa súa capacidade de desaparecer detrás da súa cámara levouno a reflexionar sobre canta vida acontece nos lugares máis aparentemente insignificantes dunha cidade.

Time-Lapse son retratos de cidades de todo o mundo a través das persoas que as habitan. Son tamén xestos cotiáns, combinados, que crean unha narrativa única da vida nunha parede, nun lugar do mundo. Time-Lapse é un lugar, un momento.

Para Xan Padrón, a detención voluntaria do movemento, onde a acción se converte en observación, levouno a centrarse nunha visión completamente diferente da súa fotografía de rúa, documentando o ecosistema das cidades e atopando a beleza a través da pausa e dos pequenos xestos colectivos e invisibles da vida cotiá.

Time Lapse é un proxecto vivo que inclúe retratos sociolóxicos de cidades coma Nova York, Londres, Beijing, Sydney, Trinidad, Berlín, París ou Medellín.

Os “Time-Lapses” de Xan Padrón foron seleccionados para o programa Art on Link da cidade de Nova York, chegando a ser expostos nas máis de 1,700 pantallas dixitais (e públicas) espalladas por toda a cidade. En 2019 o proxecto gañou o terceiro premio no The CENTER Editor’s Choice Award, seleccionado por MaryAnne Golon, a directora de fotografía do The Washington Post.

Xan Padrón
O fotógrafo Xan Padrón (Ourense 1969), recibiu a súa primeira cámara da man do foto-xornalista Enrique Reza, que espertou nel a paixón pola fotografía do cotián, do mesmo xeito que o seu pai, o xornalista Luís Padrón espertara nel a paciencia para escoitar e observar historias.

A carreira de Xan Padrón coma fotógrafo está tamén ligada á súa antiga profesión coma músico profesional. Durante máis dunha década xirou co seu baixo e a súa cámara documentando a vida que acontecía arredor dos músicos cos que traballaba.
Como fotógrafo de artistas e concertos ten traballado como fotógrafo oficial para a APAP (Association of Performing Arts Professionals, EUA), e para a revista Inside Arts e The Writer Magazine (EUA).

Xan Padrón comparte a súa vida coa música, educadora e escritora Cristina Pato. Desde 2005, divide o seu tempo entre Galicia e Nova York onde ten o seu estudio no centro cultural Mana Contemporary (NJ).

Time-Lapse
A serie Time-Lapse ten sido exposta, entre outros lugares, na sede da Organización das Nacións Unidas e no Edificio Pfizer de Nova York, e nas feiras de arte Photo LA, Art on Paper NYC e The Other Art Fair, presentada pola galería Saatchi Art en Londres, Nova York, Dallas, Los Angeles e Chicago.

A obra foi publicada na portada da undécima edición da antoloxía “Race, Class and Gender in the United States” (MacMillan, 2020), na do libro de socioloxía “Personal Networks” (Cambridge University Press, 2021), e en revistas internacionais coma o New England Review (NER), Die Zeit Magazine (Alemaña), PRISM International (Canadá) e o Photo World Magazine (China).

Os seus “Time-Lapses” chegaron a ser portada do catálogo de outono da galería Saatchi Art (2019) e foron seleccionados para o programa Art on Link (#ArtOnLink) da cidade de Nova York.

Outros artigos