
Ourense | O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) se desenvolverá do 15 ao 25 de outubro en diferentes espazos da capital ourensá, Celanova e Ribadavia. Organizada por Sarabela Teatro co apoio da Xunta de Galicia, a mostra reforza a súa aposta pola creación galega e polo encontro con propostas escénicas doutros territorios, cun cartel que abrangue teatro, danza, circo contemporáneo e intervencións de rúa.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. A colaboración institucional contribúe a ampliar a súa presenza territorial e a favorecer o acceso do público a unha oferta diversa, na que conviven compañías consolidadas e iniciativas de creación emerxente.
Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense.
A participación galega complétase con Píscore Teatro, que representará Molto Barroco en Celanova o domingo 18; Ibuprofeno Teatro, con Bio Construción no Teatro Principal o xoves 22; Pistacatro, con Sen patrón na praza de San Xoán de Ribadavia o sábado 24, e Marta Alonso, que ofrecerá Dance Join ese mesmo día na praza de San Martiño de Ourense. Producións Teatrais Excéntricas pechará o festival o domingo 25 no Teatro Principal con Mofa e Befa: A arte da guerra.
Propostas internacionais e diversidade de espazos
No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival o sábado 17 con Todo terminará por Navidad, 66 minutos antes de Nochebuena. A formación colombiana L’Explose, en colaboración con Opsis, presentará Entrecruzad@s o venres 23, unha proposta que aborda a identidade, o desarraigamento e a exclusión a través do movemento e da interpretación. Ambas as funcións terán lugar no Teatro Principal.
A programación incorpora tamén Poeta (perdido) en Nueva York, da compañía andaluza Aedo Teatro, o venres 16 no Teatro Principal, e Costura, de Elena Romero Muñoz, chegada de Cataluña, o domingo 18 no Liceo de Ourense. O Teatro Principal, o Liceo e a Sala Emilia Pardo Bazán conforman as principais sedes da capital ourensá, xunto coas rúas e prazas da cidade. A extensión a Celanova e Ribadavia reforza a dimensión provincial do certame e a súa capacidade para achegar as artes escénicas a novos públicos. Na foto Teatro de Ningures que abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola.




