
Monforte de Lemos | A tenente de alcalde do Concello de Monforte de Lemos, Gloria Prada, recolleu esta tarde no Pazo de San Marcos de Lugo o premio ‘Lugo cambia o turismo lucense 2026’ que foi concedido pola Deputación de Lugo a través do Consello Provincial de Turismo ao Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte.
No acto participaron a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; a presidenta do Consello Provincial de Turismo, Pilar García Porto, deputados provincias e representantes dos concellos premiados nas tres modalidades desta convocatoria anual: “Lugo cambia o turismo lucense”, “…E para comer, Lugo á gastronomía lucense 2026” e “Premio Turismo Sostible 2026”.
Gloria Prada expresou a satisfacción do equipo de goberno polo recoñecemento a un evento, dixo, “polo que apostamos firmemente e que impulsamos desde o seu inicio en 2017 cunha idea moi clara: promocionar os viños da Ribeira Sacra é tamén promocionar a Ribeira Sacra como destino turístico”.
Neste senso, subliñou que este esforzo tradúcese nun Festival “consolidado como unha ferramenta de promoción turística e de proxección exterior de Monforte e de toda a Ribeira Sacra”, xa que logra reunir cada ano adegueiros e adegueiras da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, profesionais, e milleiros de veciños, veciñas e visitantes.
“Cando falamos do viño da Ribeira Sacra non falamos simplemente dun produto. Falamos de territorio, de paisaxe, cultura, patrimonio, gastronomía e dunha forma de entender e vivir esta terra”, sinalou Prada, destacando que “esa é precisamente unha das grandes fortalezas do Festival: ofrecer en Monforte un escaparate común para os viños das diferentes subzonas da Denominación de Orixe e, ao mesmo tempo, de toda a D.O. no seu conxunto”.
Un evento que atrae visitantes e xera actividade económica
A Tenente de Alcalde destacou tamén a contribución do Festival á atracción de visitantes, á xeración de actividade económica e á proxección de Monforte e da Ribeira Sacra máis alá de Galicia, así como a súa conexión coa aposta turística do Concello por un turismo baseado nas experiencias, na cultura, no patrimonio, na gastronomía e no territorio.
Sinalou, así mesmo, que o Festival “contribúe a consolidar Monforte como porta de entrada á Ribeira Sacra e como punto de encontro para descubrir este territorio”. Gloria Prada quixo compartir este recoñecemento coa Denominación de Orixe Ribeira Sacra, os viticultores e viticultoras, adegueiros e adegueiras, os establecementos de hostalería e gastronomía e todas as persoas que participan na organización e no desenvolvemento do Festival, destacando “o esforzo dunha viticultura heroica capaz de combinar tradición e innovación para producir viños de gran calidade e cada vez máis recoñecidos dentro e fóra de Galicia”.
Finalmente, a Tenente de Alcalde reafirmou o compromiso do Concello de Monforte de seguir apostando polo Festival do Viño da Ribeira Sacra, co obxectivo de que continúe medrando e contribuíndo á promoción turística da cidade e do conxunto do territorio.
“Este premio é un motivo de orgullo, pero tamén un estímulo para seguir traballando e para seguir levando o nome de Monforte e da Ribeira Sacra cada vez máis lonxe”, concluíu.
Outros recoñecementos
Os premios “Lugo Cambia ao turismo lucense”, o “Premio Turismo Sostible” e “…E para comer, Lugo á gastronomía lucense” son honoríficos e teñen por obxecto recoñecer publicamente a dedicación de distintas empresas, persoas, institucións ou entidades e os seus méritos polo traballo realizado en prol do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística, a sostibilidade turística, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras e/ou exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía da provincia de Lugo, ben no seu conxunto ou nun ámbito territorial inferior comprendido dentro da provincia.
Na mesma categoría de ‘Lugo cambia o turismo lucense 2026’ tamén foi distinguido o Concello de Xermade, polo Encontro Internacional de Torneiros de Madeira. Pola súa banda, o premio ‘…E para comer, Lugo á gastronomía lucense 2026’ recaeu no Concello de Trabada, pola Festa da Enfariñada, e o ‘Premio Turismo Sostible 2026’ foi para o Concello de Vilalba polo proxecto ‘Santaballa, territorio de memorias e sustentabilidade’.




