O escritor lucense Paco Martín dará nome ao novo centro social interxeracional da Piringalla

A alcaldesa Lara Méndez recibiu no Concello ao escritor

Lugo | A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión co escritor lucense Paco Martín, que dará nome ao centro social e de convivencia da Piringalla, cuxas obras se atopan na fase final.

Lara Méndez subliñou que “Paco Martín é un dos escritores en lingua galega máis recoñecidos e apreciados polo público, unha persoa nobre e humilde, que marcou un fito na historia da literatura ao gañar por primeira vez cunha obra en galego, Das Cousas de Ramón Lamote, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil”.

“Con esta homenaxe queremos que a súa traxectoria perdure no tempo e que o seu legado sirva como referencia para os mozos e mozas lucenses que se están a iniciar no mundo literario ou teñen paixón pola literatura”, engadiu a rexedora.

As obras do centro social, ubicado no barrio da Piringalla, atópanse moi avanzadas e a previsión é que poidan quedar rematadas no vindeiro mes de abril. O Concello destinou máis de 800.000 euros para poñer en marcha este novo centro interxeracional, poñendo fin a unha débeda coa veciñanza da zona, xa que o inmoble, que comezou a construírse no ano 2010, sufriu un parón ao verse inmerso nun proceso xudicial por incumprimento do contratista. No ano 2014, o Pleno da Corporación acordou que este centro levase o nome de Paco Martín.