O Entroido volve ás rúas de Salceda

Co XXIII Desfile de Carrozas e Comparsas o domingo 27 de febreiro
Edición 2020 do Entroido de Salceda.

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas, en coordinación cos barrios da Feira e do Castro Barreiro traballa xa na organización do Entroido 2022, unha cita clave na axenda cultural do municipio e referente en todo o país, que volverá celebrarse logo do parón do pasado ano por mor da COVID19.

Ademais do centenario enfrontamento, o Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez traballa xa na elaboración das bases e do protocolo para a celebración do XXIII Desfile de Carrozas e Comparsas o domingo 27 de febreiro.

Neste sentido, o Concello reuniuse coas comparsas do Concello, nunha xuntanza na que se apostou pola celebración do evento dun xeito seguro.

Todos os colectivos implicados coinciden na importancia de recuperar o evento máis importante da axenda cultural de Salceda, aínda que a celebración nas tradicionais datas estará condicionada pola incidencia de contaxios da COVID19 e polas posibles restricións que aplique a Xunta de Galicia, que xa anunciou un protocolo específico para estas festas.

Unha das citas que si están aseguradas é a parte do Entroido Tradicional, coa actuación do Rancho de Entroido no mediodía do domingo.

O Rancho de Entroido de Salceda é único pola súa formación, composta por seis danzantes e dúas damas, ademais dos característicos cabaleiros, encargados de abrir o paso entre o público.

Álex Rodríguez Canosa, Concelleiro de Cultura: “Apostamos por recuperar a nosa festa máis tradicional e importante, na que somos un referente e na que temos a obriga de apoiar aos nosos colectivos. Este ano en Salceda celebrarase un Entroido seguro, no que estamos seguros que tanto a veciñanza coma os colectivos gozarán de novo con esta celebración”

Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: “Salceda prepárase para retomar o histórico Entroido, despois do parón do ano pasado pola COVID19. Un entroido que non sería posible sen o esforzo das asociacións de A Feira e do Castro Barreiro que traballan por manter viva esta tradición centenaria e tamén ás comparsas que enchen de ledicia, cor e humor as nosas rúas no domingo de Entroido”.