O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria na Ribeira Sacra

Visitou Adegas Petrón, cuxo viño obtivo o Acio de Ouro ao mellor tinto nas tres últimas edicións das Catas de Galicia

Sober | O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou Ribeira Sacra acompañado do alcalde de Sober, Luis Fernández, co obxectivo de poñer en valor as posibilidades do sector vitivinícola como elemento dinamizador do territorio e creador de riqueza.

Unhas posibilidades que se busca potenciar -lembrou- ao abeiro da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que se artella en 46 medidas e 299 accións estruturadas en sete eixes estratéxicos.

O director visitou Bodegas Petrón, situadas no corazón da Ribeira Sacra e que contan con diferentes viñedos nas ribeiras do río Sil. Destacou que esta adega obtivo o Acio de Ouro ao mellor tinto de Galicia nas tres últimas edicións das Catas dos viños, augardentes e licores tradicionais, polo seu viño Prómine Singular.

Así, recordou que este evento, organizado pola Consellería do Medio Rural e polos consellos reguladores, ten como obxectivo promocionar, identificar e premiar os mellores produtos elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.