A celebración do vinte cinco de xullo, anos tras ano, consolídase como a festa de todos os galegos, e aínda que neste día conflúe coa celebración do apóstolo Santiago, o compromiso de galeguidade une a moitas xentes de distintas maneiras de pensar e axuda a alviscar unha Galicia que emerxe e que quere ser dona do seu destino.
Na data referida Compostela é un fervedoiro de xente que ateiga as rúas desa cidade onde as manifestacións políticas e todo o demais danlle á capital galega unha cor e unha imaxe que amosa moita vitalidade.
A que puido ser capital da cristianidade hai moitos séculos, recibe a milleiros de galegos que na Praza da Quintana que claman por ter máis autogoberno e tamén que, para esta terra, non veñan as industrias que noutro lugar non queren e que poñen nun grande perigo unha comarca como é a do Ulla e unha ría tan rica como é a de Arousa.
O certo é que despois de moitos anos de Autonomía seguen a manterse as dúas celebración sinaladas e poucas novidades hai que salientar, agás as reivindicacións puntuais que están na axenda política. Por outro banda na Catedral o botafumeiro segue movéndose pra asombro dos asistentes e xunto coa lectura do discurso do oferente e a contestación do arcebispo sigue un rito que se prolonga e repite ano tras ano como se fose unha cantinela.
“Mais o vintecinco de xullo ademais de ser unha festa relixiosa por tradición secular, ano tras ano vai tomando corpo a festa política”
Mais o vintecinco de xullo ademais de ser unha festa relixiosa por tradición secular, ano tras ano vai tomando corpo a festa política: si a festa de todos os galegos; a festa que nos une baixo unha bandeira. O proceso autonómico desta nacionalidade histórica, segundo reza na constitución en vigor, aínda está moi incompleto. Proceso que fixo que os galegos e galegas nos sintamos unidos polo vincallo de vivirmos nunha terra que, ademais de ter idioma propio que hai que conservar, ten un futuro prometedor. Unha terra que, a pesares da globalización cultural, mantén aínda vivos os seus signos de identidade. Que mira o futuro con esperanza e que aspira a aumentar ás súas cotas de autogoberno. A Gallaecia, provincia romana, sigue existindo aínda que os diferentes gobernos populares non reivindiquen todas as competencias que nos pertencen segundo o actual Estatuto.
Con todo o sinalado, a Galicia deste tempo ten grandes problemas sen resolver. O primeiro é de orde política, pois nesta terra fai falla unha forza, un partido que fuxindo de posturas moi idealizadas e copiadas de modelos políticos importados que fracasaron onde foron implantados, sexa capaz de aglutinar a ese nacionalismo moderado que non é arredista, mais que, a día de hoxe, é maioritario nas catro provincias. Ou sexa: un nacionalismo que se pareza máis á realidade do pensamento social maioritario desta terra e que sexa capaz de rematar coa maioría absoluta dos populares supeditados ós ditados de Xénova.
Esta fermosa e agraciada terra ten un futuro moi esperanzador e ten que mellorar e reforzar o seu autogoberno. Ten que comenzar a reivindicar que as grandes empresas que operan nesta terra e que teñen a sede social fora dela coticen onde sacan a enerxía e as materias primas. E pra iso o nacionalismo que se expresa no 25 de xullo ten que traballar pra que se faga unha descentralización económica real.
O vintecinco de xullo é a festa máis importante que ten o noroeste peninsular. Pois a día de hoxe Galicia é unha terra que mira o mundo con esperanza, e que celebra o seu día nacional coa ansia de que, co paso dos anos, sexa dona do seu destino e goberne todos os seus recursos que xeran riqueza que son moitos.