O crítico literario e investigador Armando Requeixo estará en Mondariz para afondar na figura de Luísa Villalta

O público asistente gozará da actuación musical da violinista Jennifer Gómez, premio á Excelencia Académica do Concello de Vigo e gañadora do Concorso Internazionale di Musica da Camera ‘Carlo Maria Giulini

Mondariz | O Concello de Mondariz recibirá ao crítico literario, investigador en Humanidades e profesor Armando Requeixo este venres día 26 no marco do programa “Abril mes do libro”. O Catedrático de Lingua Galega e Literatura no Ensino Medio e doutor en Filoloxía Galega, ofrecerá unha charla na biblioteca pública municipal de Mondariz para afondar na figura da escritora Luísa Villalta. Organizada pola Asociación Ecocultural Búrvida terá lugar ás 20 horas e contará coa actuación musical da violinista Jennifer Gómez.

O tamén coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, Alberto Requeixo, é especialista na vida e obra de Luísa Villalta, autora á que se dedica o Día das Letras Galegas de 2024. Mondariz terá a oportunidade de coñecer a figura da escritora coruñesa da man do director do Legado Luísa Villalta no Centro Ramón Piñeiro. O seu primeiro escrito sobre a autora data de 1998 e, dende aquela ata hoxe, tena antologado en volumes como Materia prima (2002), exhumou e editou a súa poesía inédita en As palabras ingrávidas (2020), reeditou e prologou o seu ensaio O outro lado da música, a poesía (2021) e recolleu todos os seus poemarios preparados en vida no volume Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), que contén como estudo introdutorio a máis ampla análise da biobliografía villaltiana.

Ademais, o público asistente gozará da actuación musical da violinista Jennifer Gómez Vilar, premio á Excelencia Académica do Concello de Vigo na especialidade de cuarteto de corda e gañadora do Concorso Internazionale di Musica da Camera ‘Carlo Maria Giulini de Bolzano, Italia.

A alcaldesa en funcións, Elena Naveira, agradece a colaboración da Asociación Ecocultural Búrvida na organización dunha actividade que “nos permite coñecer da man de expertos a unha figura tan importante para a cultura galega como a da poeta Luísa Villalta, pertencente á xeración de autores e autoras dos anos 90 do pasado. Produto da súa curiosidade intelectual e artística ensaia diversas formas de expresión, diferentes xéneros, nos que salienta moi especialmente a poesía. Luísa Villalta encarna a xeración poética da transición entre séculos na que tiveron especial protagonismo as mulleres”.

Máis actividades de Abril, mes do libro
Do 23 ao 30 de abril a biblioteca sacará os seus libros á rúa e colocará diferentes postos na contorna do Concello e na da praza de abastos. Nestes postos poderemos gozar da boa lectura dos libros doados por particulares.

O martes 31 ás 20:30 horas será a presentación do libro “A cesta de mazás” de Alexandro Bouzó aberta a tódolos públicos na biblioteca municipal.

Elena Naveira e o grupo de goberno convidan a todas as persoas a asistir a estes actos pensados para promover a lectura, pór en valor a escrita e ofrecer actividades para tódolos públicos.

Máis información
Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é crítico literario e investigador. Secretario científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta de Galicia, é tamén profesor de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

Catedrático de Lingua Galega e Literatura no Ensino Medio e doutor en Filoloxía Galega, é tamén coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.
Como ensaísta e estudoso editou e analizou a obra de gran número de autores do século XX e XXI, como Rosalía de Castro, Xosé Neira Vilas, Álvaro Cunqueiro, Luís Seoane, Aníbal Otero, Eduardo Lence-Santar, Xosé Díaz Jácome, Celso Emilio Ferreiro, Emilia Pardo Bazán, Álvaro de las Casas, Arcadio López-Casanova, Victoriano Taibo, Concepción Arenal, Manuel Leiras Pulpeiro, Daniel Pernas Nieto, Sofía Casanova, Ramón Piñeiro ou Fernando Pérez-Barreiro Nolla, entre outros. Ao lucense Ánxel Fole dedicou a Tese de Licenciatura en 1996, pola que obtivo o Premio Extraordinario da USC. Pola súa banda, ao guitiricense Xosé María Díaz Castro consagrou a Tese de Doutoramento no 2014, tamén Premio Extraordinario da USC.

Presidente de ELOS (Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil); membro de LITER21 (Grupo de Investigación en Literatura Galega, Literatura Infantil e Xuvenil, Investigacións Literarias, Artísticas, Interculturais e Educativas da USC); membro de LIXMI (Rede Temática de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil do Marco Ibérico e Iberoamericano); membro da AGC (Asociación Galega da Crítica) e mais da AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega), recibiu varias distincións polo seu labor, como o Premio Xerais á Cooperación Editorial 2004, o Premio Literario Ánxel Fole 2010, o Premio Alecrín no Eido da Crítica e Investigación Literaria 2017 ou o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela 2017, entre outros.

Tradutor; director de cursos, congresos e xornadas; director de documentais, membro de abondosos consellos de redacción de diversas publicacións e de tribunais de teses de doutoramento, foi conferenciante en numerosas palestras por Galicia, España, Portugal e outros lugares de Europa e América e como crítico literario ten publicado centos de colaboracións nas máis prestixiosas cabeceiras de toda Galicia e de fóra desta e exerce dende hai anos como comentarista habitual nos xornais do Grupo Editorial Prensa Ibérica (Faro de Vigo e La Opinión da Coruña) e do Grupo La Capital (El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños), ademais de na revista Tempos Novos.

Jennifer Gómez
Jennifer Gómez Vilar é licenciada nas especialidades de Viola e Violín polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, recibindo o premio á Excelencia Académica do Concello de Vigo na especialidade de cuarteto de corda. Compaxina os estudos oficiais con clases de cuarteto e orquestra na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.

Posteriormente amplía os seus estudos en Feldkirch (Austria), en Trento e Bolzano (Italia), onde cursa o Mestrado en Cuarteto de Corda e gaña o segundo premio no Concorso Internazionale di Musica da Camera ‘Carlo Maria Giulini’. Colabora con numerosas orquestras e formacións musicais de diversa índole como viola principal e solista. Durante anos compatibilizou a súa labor musical con colaboracións en proxectos europeus de promoción lingüística do alemán e o inglés nos ciclos de ensino infantil no norte de Italia. No ano 2022 publica en Rinoceronte Editora unha escolma de 45 contos dos Irmáns Grimm traducidos ao galego directamente do alemán.

Actualmente, de volta en Galicia, cursa o Mestrado de Formación de Profesorado na Universidade de Santiago de Compostela e está matriculada no Programa de Doutoramento en Estudos Literarios da Universidade de Vigo.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.