O Covelo terá o seu primeiro espazo coworking

Recibirá do IDAE máis de 760.000€ para a rehabilitación enerxética urbana

O Covelo | O Concello de Covelo informa que o IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de concederlle 760.246,97 para a rehabilitación enerxética da envolvente térmica do edificio “Antigas Casas dos Mestres”.

O alcalde Pablo Castillo, explica que se trata dun proxecto fundamental para o Concello ao posibilitar a creación de vivenda social e espazos para o emprendemento. “Grazas a esta intervención Covelo contará non só con vivenda social, tamén teremos os primeiros espazos municipais destinados a coworking”.

A rehabilitación deste conxunto de titularidade pública permitirá ter catro vivendas sociais e ademais ofrecer un centro coworking que se habilitará en dúas das vivendas rehabilitadas, “espazos de calidade e con todas as prestacións necesarias para que os e as emprendedoras locais poidan desenvolverse profesionalmente”.

100% Sostible
O proxecto intervirá na rehabilitación das fachadas e no illamento térmico interior de seis vivendas. Nas fachadas empregarase un sistema de illamento térmico exterior (SATE) e no interior prevalecerán intervencións con altas prestacións térmicas, substitución das luminarias actuais por tecnoloxía LED e instalación de sistemas de ventilación con recuperador de calor.

O proxecto contempla, tamén, unha instalación fotovoltaica na cuberta do edificio apostando por un modelo de autoconsumo que abastecerá ás catro casas de mestres e aos dous espazos destinados a coworking.

Ademais, substituiranse os radiadores e termos eléctricos por 6 instalacións de aerotermia con acumuladores e solo radiante nas vivendas e zonas de vestiario, aseos e oficiñas.