O Covelo ‘quenta motores’ para a XLII edición da Festa do Churrasco

Aberta a inscrición ata o 12 de xullo para as empresas locais de hostalaría que colaborarán

O Covelo | O Concello de Covelo abre o prazo para inscribirse na listaxe de empresas de hostalería colaboradoras co desenvolvemento da XLII edición da Festa do Churrasco. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello de Covelo, de maneira presencial, ou ben a través da sede electrónica do mesmo, ata as 14:00 horas do día 12 de xullo de 2023. Cada local de hostalaría non poderá presentar máis dunha solicitude e as bases poden ser consultadas na páxina web.

A festa gastronómica do churrasco é un actividade de interese xeral que contribúe a dinamizar os sectores produtivos do municipio. O goberno explica que a través da colaboración público-privada trátase de fomentar a expansión da cultura gastronómica local.

“Tendo en conta que este evento constitúe un factor determinante para o desenvolvemento económico e social do concello e supón un campo propicio para a colaboración privada, abrimos sempre unha vía de colaboración non só para dar un servizo axeitado e responder á demanda de todo tipo de visitantes e participantes tamén para promocionar os locais de hostalaría e empresas locais colaboradoras ademais de facilitarlles de xeito gratuíto a carne do churrasco”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Pola súa banda, os establecemento participantes comprométense a ofrecer a posibilidade de realizar reservas durante a Festa do Churrasco e poderán realizar quendas de comidas, así como de recollida da comida para levar. Así mesmo, deberán informar ó público do horario no que darán o servizo. Deste xeito, dita información estará dispoñible de xeito escrito nun lugar ben visible en cada un dos establecementos.

Ademais, as empresas colaboradoras respectarán os prezos establecidos polas bases da XLII edición da Festa do Churrasco de 6 euros como máximo, mantendo o prezo durante todo o día. Este prezo será aplicable somente para os produtos entregados polo Concello a cada establecemento, que inclúen 21 kg de carne de porco, 21 kg de carne de tenreira e 7’5 kg de chourizo criollo por establecemento adherido á Festa.

Dende os anos 80 ata hoxe
A Festa do Churrasco do Concello de Covelo constitúe un evento gastronómico que se remonta a mediados dos anos oitenta e que acompaña a súa grande tradición gandeira con máis de 2.000 reses de raza rubia galega alimentadas nos pastos locais e produtos derivados do porco curado na montaña. A festa gastronómica celébrase no Campo da Feira que, como o seu nome indica, era o lugar onde se celebraban as feiras gandeiras de todo o municipio e constituía un acto que congregaba a máis de 5.000 persoas de variadas procedencias.