O Covelo prepara o 15º aniversario do Ciclo de Música de Barcia de Mera

Asinado convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Cultural Ciclo de Música de Barcia de Mera

O Covelo | A Asociación Cultural Ciclo de Música de Barcia de Mera reuníuse co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, para asinar o convenio de colaboración co que o Concello apoiará este evento cultural que, cada primavera e cada verán, reúne a centos de persoas apaixoadas da música culta.

A Asociación, que preside o párroco de Covelo, Rafael Antela, e o Ciclo de Música, dirixido por Nieves García-Soto, reúnense nestes meses coas administracións e entidades colaboradoras para renovar apoios e celebrar quince anos de música e cultura na igrexa do conxunto abacial de Barcia de Mera.

A programación desta edición será tan especial como a data e dende a organización adiantan que xa teñen todo pechado para que, dende finais de abril ata finais de setembro, descubramos o talento de músicos internacionais.

O Ciclo de Música de Barcia de Mera naceu hai quince anos cando Nieves García coñeceu ao pai Rafael. A súa paixón pola música fixo que Covelo puidera desfrutar de músicos de primeiro nivel atraendo, ademais, a centos de persoas que descubrían a enorme riqueza patrimonial e natural da contorna.