O Covelo pide á cidadanía un uso responsable dos contedores de lixo

O Concello dispón do servizo municipal gratutíto Punto Limpo

O Covelo | O Concello de Covelo solicita a colaboración da cidadanía para un uso máis responsable dos contedores de lixo e recorda que existe un servizo municipal gratuíto no que depositar os enseres domésticos, Punto Limpo.

Dende o Concello informan da importancia de non depositar restos de obras, mobles, colchóns, ferramentas ou utensilios vellos que soen atoparse nos contedores de lixo. Polas súas característicias e dimensións non deben deixarse nos contedores de lixo xa que os enchen e non deixan espazo para depositar os restos diarios das familias.

Este mal uso dos contedores provoca, ademais, contínuas avarías no camión da recollida de lixo imposibilitando ofrecer un servizo axeitado ao resto da cidadanía cada vez que o camión debe ir ao taller. Os entullos resultantes das obras son os principais causantes das roturas do sistema hidráulico de elevación dos contedores, entre outros problemas provocados por enseres e materiais pesados que nunca deben ir aos colectores de recollida de residuos destinados para plásticos e restos ordinarios,

A cidadanía dispón dun Punto Limpo ubicado xunto á residencia de maiores que abre cada sábado en horario de mañá, de 09:00 horas a 13:00 horas. Un servizo totalmente gratuíto no que os particulares poden deixar todo aquelo que xa non precisen e que non ten cabida nos contedores de recollida de lixo doméstico. Para aquelas persoas que non estean en disposición de desprazarse ao Punto Limpo Municipal, existe a posibilidade da recollida a domicilio únicamente para persoas empadroadas en Covelo que previamente deberán solicitalo nas oficinas do Concello de xeito presencial ou telefónico. Nesta ligazón poden obter información sobre o Punto Limpo de Covelo.

A cidadanía de Covelo dispón de contedores amarelos para plásticos e briks e contedores verdes para os restos domésticos así como os iglús verdes para vidro nas parroquias. Ademais, no centro urbano hai un colector téxtil para roupa e calzado xunto ao pavillón deportivo, contedores azuis para cartón e papel, contedor de aceite de cociña e contedor de recollida de pilas, en distintos puntos do centro urbano.

Recomendacións de uso dos colectores de lixo
Para facer un bo uso do servizo e ser máis cívicos o Concello lembra que lixo se debe depositar en cada contedor. No amarelo poden depositarse envases de plástico, envases metálicos e briks como por exemplo: botellas de plástico; latas de conserva e bebida; tapas e tapóns de plástico, de metal e chapas; bandexas de aluminio; papel film e papel de aluminio; aerosoles; botes de desodorante; bolsas de plástico en si mesmas sen ningún contido; tarrinas e tapas de iogurte; bandexas de corcho branco; tubos de pasta de dentes; envases de cerámica; envases de madeira de froita, viños e bebidas e verdura.

Nunca deposites no contedor amarillo: xoguetes de plástico que deben ir ao contedor de restos, aínda que tamén existen diferentes ONG que recollen xoguetes usados para obras sociais. Tampouco deben ir no contedor amarelo biberóns ou chupetes que deben ir ao de restos. Os utensilios de cociña que deixan de ser útiles como unha espátula ou escurridor tampouco deben ir ao amarelo. Os cubos de plástico deben ir ao contedor de restos, o verde, e non ao amarelo. Os briks sempre van ao contedor amarelo xa que está composto de cartón, plástico e aluminio.

No contedor azul só papel e cartón como envases de alimentación, calzado, produtos conxelados, papel de envolver, papel de uso diario, etc. Os desfeitos diarios como servilletas de cociña ou papeis suxos deben ir ao contedor de desfeitos orgánicos. Os pañais deben ir ao de restos (gris). Un pequeno truco para aforrar espazo e aumentar a capacidade do contedor é dobrar e comprimir os envases en vez de arrugalos.

Tamén é fundamental diferenciar entre vidro e cristal porque ao iglú verde só pode ir o vidro. As bombillas deben levarse ao punto limpo e non ao contedor verde de vidro. Os espellos, cinceiros, vasos ou vaixelas tamén deben ser reciclados no punto limpo.

Nesta ligazón podes descargar a guía que axuda a depositar correctamente o lixo.
Nesta outra aplicación pode preguntar as dúbidas e indicaranlle onde depositar cada produto.

Atención Temperá no comezo do curso escolar
“Despois de case tres meses sen acudir ao colexio é normal que ás nenas e nenos lles custe volver adquirir a rutina do curso, por iso durante as primeiras semanas é probable que estean máis irritables, nerviosos e cansados” así o explica Olalla Rodríguez, psicóloga responsable do servizo público de Atención Temperá do Concello de Covelo.

Para que a volta ao cole sexa un pouco máis doada as tres profesionais deste servizo municipal que atende no centro de saúde de Maceira recomendan seguir algunhas pautas para unha mellor adaptación. Olalla Rodríguez, psicóloga; Cristina Sandes, terapeuta ocupacional e Aldara Raposo, logopeda, queren compartir coas familias algúns consellos, xogos e trucos baseados en anticipar o cambio de rutina, familiarizarse cos hábitos do curso e contribuír a soster as emocións que poidan aparecer.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, agradece a implicación das profesionais deste servizo que dende hai un ano axuda ás familias con necesidades específicas. “Sen saír do noso concello podemos contar co apoio de profesionais expertas que acompañan ás familias derivadas do servizo de pediatría e que unha vez á semana atenden no noso Concello para mellorar o desenvolvemento das nenas e dos nenos que o precisan”.

A ferramenta principal é a comunicación e a comprensión, falar do remate das vacacións, do comezo do curso, do reencontro, ir tachando os días, aproximar os horarios á rutina escolar, rescatar bos recordos e moitas doses de empatía e paciencia son algúns dos segredos para facer máis levadeira a posible rebeldía que pode aparecer nos días previos ante o nerviosismo do cambio.

“O máis importante é saber que o teu fillo/filla non fai nada para “fastidiarte”. Son nenos e nenas pequenas, que non entenden ben os cambios de rutina e non comprenden igual que os adultos os tempos, os cambios exactos que se van producir, etc. Por iso, o entorno (as nais e os pais, sobre todo) debe xogar un papel fundamental no apoio aos máis pequenos nestes momentos confusos e complexos para eles/as. Con ese apoio a volta ao cole será menos estresante para toda a familia”, explican dende Atención Temperá Covelo.

Consellos para comezar o cole
• Anticipar o cambio de rutina:
Falarlles de que o tempo de vacacións está a punto de rematar e volverán ao cole. En casos de nenos e nenas máis pequenas, ou con algún tipo de dificultade relacionada coa comprensión ou rixidez mental, podemos axudarnos de imaxes que describan ese proceso de volta ao cole, con instrumentos como calendarios no que se vexan os días, e se sinale con imaxes o día no que comeza o cole, facendo una conta atrás, xa que os apoios visuais son de moita axuda nos nenos e nenas.

Podemos ir tachando días, para que visualmente vexan que o día de comezar o cole se acerca (ten en conta que un neno ou nena menor de 6 anos non ten adquiridos os conceptos de tempo e espacio, polo que non entenderán conceptos como “dentro dunha semana” ou “dentro de poucos días”)

• Anticipar os hábitos do curso:
Durante o verán toda a familia funciona de xeito distinto; os horarios flexibilízanse, as actividades cambian, as persoas cas que estamos tamén en moitas ocasións….
O ideal é comezar coa rutina do curso uns días antes do comezo do mesmo, adiantando a hora de deitarse, facendo actividades máis tranquilas e incluso relacionadas coa volta ao cole (ir comprar material, firmar os libros, elexir mochila,etc) de forma que lles resulte motivante.

• Falar do cole:
Os días previos á volta ao cole, podemos empregar un tempo en recordar as cousas que lle gustan a nena/o do cole: compañeiras/os que non ven durante o verán, volver ver á profe se lles gusta, recordarlle o ben que o pasaron o ano pasado…se pode ser con recordos de actividades concretas (“acórdaste que ben o pasaches nas actividades de nadal?/ entroido?…aquel día que debuxastes cos dedos?”…etc)

• Soster as emocións que aparezan:
Ante o cambio de rutina, aparecerán no neno/a distintas emocións, que poden ser, en ocasións, contrarias entre sí, pero todas son lícitas e normais, e así llo debemos facer saber e sentir, preguntándolle cómo se sinten, normalizando ese sentir e permitíndolles estar un pouco máis irritables e desorientados ese días. Quizáis estéan ”máis rebeldes” e necesiten da nosa axuda como adultos/as para xestionar emocións que eles non comprenden.

Algunas formas concretas nas que podemos axudalos son, por exemplo:
A nena/o non quere recoller os xoguetes e entra en rabieta. Ofrecémoslle axuda e recollemos con eles/elas ou incluso recollemos nós os xoguetes algún día. Isto non supón facelos “consentidos”, senón brindarlle axuda emocional cando están sobrepasados, como faríamos con calquera persoa do noso entorno. Ás veces esixímoslle máis aos nenos/as que aos propios adultos e non entendemos as súas emocións e necesidades.

Así, por exemplo, se un día non quere comer, podemos intentar darlle nós a comida, ou se non se quere deitar, podemos negociar con eles/as o tempo que poden estar na TV ou xogando (“cando a agulla do reloxo estea aquí (sinalando o número) imos á cama, vale?”, ou dando avisos “cando remate de recoller isto, imos ir á cama, vale?”, repetíndollo algunas veces.

Isto é válido patra calquera outra situación na que vemos que o neno/a está máis irritable. Facilitarllo axudaralle moito a xestionar a frustración e desorientación que sufren esas semanas.

Romaría do Libramento na Lamosa
A parroquia da Lamosa celebra esta fin de semana a súa popular romaría na honra da Benaventurada Virxe María do Libramento. As familias xuntaranse no xantar popular que terá lugar o domingo día 10 ao mediodía. O bar Cuartel ofrecerá tamén comidas e haberá “pulpeiro” e posto de rosquillas.

Antes, o sábado día 9, ás sete e media da tarde comezan os catos litúrxicos co Rosario, misa solemne e posterior procesión. O domingo día 10 as primeiras misas serán ás 10 e ás 11, mentres que a misa solemne será ás 12 horas. Unha cita relixiosa á que, tradicionalmente, asisten as mulleres embarazadas para acadar a súa bendición. Ao remate terá lugar a procesión acompañada do posterior concerto da Banda de Música de Redondela. Ás sete da tarde, hora da última misa deste día, tamén actuará a Banda de Música de Redondela. O luns 11 haberá, novamente, misa solemne ás doce do mediodía e procesión.