O Covelo organiza dúas travesías guiadas da Vía Mariana Luso Galaica

O número de prazas é limitado a un máximo de vinte persoas por día

O Covelo | O Concello de Covelo abre hoxe o prazo para participar nas travesías guiadas que percorrerán as dúas etapas da Vía Mariana Luso Galaica que cruzan o concello. Despois das labores de limpeza realizadas polo Concello nos dous tramos da Vía, o Concello organiza esta actividade para promover a súa riqueza medioambiental e patrimonial que agasalla aos e ás camiñantes recunchos inéditos e vistas únicas.

No marco da oferta estable de actividades turístico-deportivas do Concello de Covelo e da Deputación de Pontevedra, o sábado día 23 e o domingo día 24 as persoas participantes camiñarán guiadas polo guía de montaña, fotógrafo e biólogo, Julio Eiroa. O número de prazas é limitado cun máximo de vinte persoas por día. As persoas que desexen inscribirse ou ter máis información deben contactar co guía local no número teléfono 654.500.652.

O sábado día 23 percorrerán a etapa 7 da Vía Mariana Luso Galaica. O punto de encontro será o alto da coroación na Franqueira, A Cañiza, para dirixirse ao centro de Covelo. Trátase dun percorrido lineal de nove quilómetros de dificultade baixa para relizar en aproximadamente tres horas e media. A hora de saída será ás nove da mañá.

O domingo 24 o roteiro correspóndese coa etapa 8 da Vía Mariana e comeza na praza de Covelo para ir ata a Portela do Foxo, entre os concellos de Covelo e Fornelos de Montes. Será unha travesía de dificultade moderada con 23 km e unha duración aproximada de nove horas.

Para esta actividade de balde recoméndase levar roupa e calzado axeitado para camiñar, protección solar, bebida e alimentos reconstituíntes para tomar durante o camiño. Tamén é recomendable levar bastón de sendeirismo.

Existe a posibilidade de realizar as dúas etapas consecutivas pernoctando con saco de durmir e estera nas instalacións do pavillón municipal de Covelo, ou só inscribirse a unha das etapas. Haberá un minibús de recollida ao final da etapa 8 con retorno a Covelo.