O Covelo impartirá un curso de compostaxe

Repartirá 25 composteiros en todo o Concello

O Covelo | Un ano máis, e xa van cinco, o concello de Covelo aposta pola compostaxe doméstica e en colaboración coa Sociedade Galega de Medio Ambiente entregará un total de 25 composteiros e un manual de compostaxe doméstica.

Así o adianta o alcalde, Pablo Castillo, ao anunciar na páxina web do Concello esta nova convocatoria que se completa cun curso de formación dunha hora de duración. “Co obxecto de procurar o maior éxito na implantación da experiencia composteira o vindeiro venres 13 de maio ofreceremos un curso no edificio multiúsos ás 18:30 horas”. Este mesmo día entregaránse os 25 composteiros.

A selección dos e das 25 participantes farase por orde de solicitude respectando as inscricións sen atender da terceira fase e quedando os demais inscritos para unha posible fase posterior. As persoas interesadas deben residir en vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín, estar empadroados, non ter participado nos programas anteriores e solicitar a participación nas oficinas municipais ata o luns 9 de maioc do corrente ano.

O Concello de Covelo está adherido ao “Programa de Compostaxe doméstica” de Sogama para que a veciñanza interesada poida aproveitar os restos orgánicos que xeran nos seus domicilios e reducir, con isto, a cantidade dos mesmos.

A compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica de materia orgánica xerada no fogar, como os restos de comida ou podas, obtendo un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio produtor pode empregar na sua horta, xardín e terras de cultivo en substitución de fertilizantes artificiais.

Máis información na ligazón
http://www.concellodecovelo.es/?sec=7&id_noticia=1302