O Covelo e Ponteareas unidos no fomento da lectura

Estreitan lazos o IES Val do Tea e a Biblioteca Municipal covelense

O Covelo | A dirección do IES Val do Tea de Ponteareas, centro de secundaria de referencia para o alumnado de Covelo, visitou a biblioteca pública municipal para facer entrega dun importante número de libros de lectura. A concelleira de Emprego e Formación, Lourdes Enes, recibíu esta doazón que permitirá deseñar distintas accións coas que achegar a lectura á poboación.

Dende principio do curso 23/24 o centro educativo e o Concello colaboran estreitamente no fomento do hábito da lectura e tamén en facilitar o acceso aos libros obrigatorios nas materias de lingua castelá e lingua galega na ESO e bacharalato. Os departamentos destas dúas linguas e o técnico responsable da biblioteca traballan para que o alumnado poida dispor dos títulos ampliando así o número de exemplares dispoñibles e acurtando as esperas.

Ademais, o director, Miguel Antón Rodríguez Leborán, e a xefa de estudos, M.ª Isabel Calvelo Bellón, acompañados da concelleira de Formación visitaron o CEIP Antonio Blanco Rodríguez para presentarlle ao alumnado de sexto de primaria os servizos do instituto e convidalos a visitalo nunha xornada na que estarán guiados polo alumnado de primeiro da ESO e docentes do centro.

O Concello agradece o interese da dirección do centro educativo e adianta a súa intención de traballar, dentro das súas competencias, en tecer lazos de colaboración que permitan deseñar accións didácticas conxuntas.