O Covelo da inicio ás XLI Festas Patronais e do Churrasco

Este 23 de xullo con animación e música infantil

O Covelo | A actividade de animación e música infantil “Brinca Vai!” da iniciativa Ler Conta Moito será a encargada de abrir o programa das XLI Festas Patronais e do Churrasco do Concello de Covelo. Será ás 20:30 na Praza Mestre Cerviño mañá sábado día 23.

A continuación, ás 22:30 horas chega o turno da mocidade que poderá gozar da música na Festa da Xuventude Disco Móbil GHZ (Ganjack & Willow)+ Chico López. Dj Pedro Gainza + Dj Mesu + Dj Traffic House + Dj Khris Guez. O domingo 24 de xullo ás 22:30 horas é o turno da gran verbena coa orquestra La Dimensión e con Los Lunes Al Sol.

O día grande arrincará con misa solemne ás 12:30 horas seguida da procesión acompañada pola Banda de Música de Mondariz. Desde ás 12 horas haberá unha edición especial da Mostra de Produtos de Covelo e de Artesanía na carballeira do campo da Feira e ás 13:15 a Banda de Música de Mondariz ofrecerá un concerto na praza Mestre Cerviño. A charanga SDK non parará de tocar e de animar turnándose coas actuacións de Breocans ás 16:30 e concerto de Pelepau ás 19:00 horas.

Para repor folgos e merendar haberá Choripan que será servido na cantina do Campo da Feira a partir das 19:30 horas a cargo do Club de Patinaxe Covelo que así recadará fondos para as e os seus deportistas. Ás 21 horas actuará a orquestra Talismán pechando así o programa das festas do Churrasco.

“É un orgullo poder dicir que milleiros de persoas escollen Covelo para celebrar na nosa compaña o día de Santiago por iso este ano adiantamos a hora e comezaremos a servir churrasco ás dúas da tarde para poder dispor de máis horas de confraternidade e reencontros”, sinala Pablo Castillo.

Volve con forza a “Festa do Churrasco” ao campo da Feira do Concello de Covelo e con él a boa gastronomía, a música e as ganas de celebrar en compaña o día de Santiago, patrón do concello. Esta edición virá cargada de novidades para que todos/todas poidamos gozar da mellor xornada de convivencia e xantar popular.

O alcalde, Pablo Castillo, e a concelleira de Cultura, Lourdes Enes, presentaron xunto a empresarias e empresarios da hostalaría local o cartel das festas que arrincan mañá 23 de xullo e que, ao longo de tres días, ofrecerán actividades para tódalas idades e arredor de 1.200 quilos de carne de tenreira e porco, 205 kg de chourizo criollo e 130 kg pementos de Arnoia con denominación de orixe.

Por segundo ano consecutivo a hostalaría de Covelo súmase a render homenaxe á carne á brasa e servirá, tamén, esta exquisita e popular receita. Deste xeito, as persoas que se acheguen a Covelo para gozar deste día festivo poderán xantar churrasco con pementos tanto nos bares e restaurantes como ao aire libre no Campo da Feira a un único prezo de seis euros a ración.

Os locais participantes son bar Sebastián en Barcia de Mera, en Maceira o bar Plaza e na Graña o bar Río Tea, o bar do centro social e bar A Graña; na Ermida o restaurante Lemos e no centro urbano o bar O Buraco.

Aposta eco
Alcalde e concelleira adiantaron que este ano a XLI Festa do Churrasco comprométese co planeta e pásase a un modelo máis ecolóxico. O tradicional prato de barro será substituído por un reciclable e biodegradable e do mesmo xeito o farán os vasos, o garfo e os coitelos.

“Era o momento para dar un paso máis na concienciación colectiva e aproveitando que son milleiros de persoas as que comparten con nós esta celebración decidimos deixar no recordo o prato de barro para amosar un pequeno xesto de compromiso coa reciclaxe e a redución de lixo. Ao longo dos últimos anos xa eran moitas as cantidades de pratos e cuncas que quedaban sen recoller e consideramos que era o máis axeitado”, explica Lourdes Enes.

Outra das novidades desta edición é o adianto na hora, o día 25 servirase o xantar popular a partir das 14 horas coa gran churrascada no campo da Feira e nos locais de hostalaría. As persoas empadroadas en Covelo gozarán dun desconto e poderán pasar pola Casa do Concello a retirar os tickets ata o 22 de xullo.

Xantar na XLI Festa do Churrasco ten premio, así o adiantan Castillo e Enes, que introducen este ano unha novidade máis, cada número de ticket participará nun sorteo con premios sorpresa que se entregarán a media tarde, así que lembren gardar o ticket.

Lourdes Enes explica que na programación contemplamos actividades para tódalas idades que se completan coa nosa oferta turística estable de roteiros de sendeirismo e praias fluviais. A maioría das persoas optan por pasar varios días con nós e aproveitar para descubrir paraxes naturais, tesouros etnográficos e coñecer a gastronomía local”, explica o alcalde.