O Corpus Christi 2024 xa ten o seu cartaz

Un deseño do ponteareán Sergio de Arcos

Ponteareas | O Concello de Ponteareas presentou este 7 de marzo o cartaz que anuncia a celebración do Corpus Christi para este ano 2024. Trátase dun deseño do ponteareán Sergio de Arcos no que pon en valor o traballo de debullar a flor así como a unión da veciñanza para confeccionar as famosas alfombras da vila. A proposta é a gañadora do concurso que celebrou a administración local.

No evento no que se presentou o cartaz participaron a Alcaldesa, Nava Castro, o tenente de alcalde, Juan Carlos González, o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e o deseñador do cartaz Sergio de Arcos.

Tamén estiveron presentes tres ex Alcaldes ponteareáns, José Castro, Francisco Canteira e Cristina Fernández Davila. Ademais, acudiron ao acto alfombristas da vila que durante a noite do sábado 1 de xuño confeccionarán os tapices florais que engalanan as rúas do municipio.

O goberno municipal lembrou que coa presentación do cartel que anuncia a celebración do Corpus Christi comeza a conta atrás para que a festividade declarada de Festa de interese Turístico Internacional e que ten o expediente incoado de Ben de Interese Cultural chegue á vila durante o sábado 1 e domingo 2 de xuño.

O concurso do deseño do cartaz contou coa participación de 35 persoas, sendo seleccionado o deseño de Sergio de Arcos, quen reivindicou a importante “canteira artística” existente en Ponteareas. Indicou que a súa intención co deseño foi “xerar una imaxe coa que se poda ter un diálogo” estimando como acertada a súa decisión de incluír texturas.

Pola súa banda, a Alcaldesa Nava Castro indicou que este “é un cartaz cheo de historia” toda vez considerou como unha prioridade “lograr que o Corpus alcance o Ben de Interese Cultural e “seguir crecendo” para que en vindeiras ocasións se poda colocar o BIC no cartaz do Corpus.