“O Corpus 2022 será unha festividade máis inclusiva”

Cristina Fernández Davila | Alcaldesa de Ponteareas

Este 2022 volve á normalidade no Corpus Christi. Que novedades terá o programa desta edición?
Tras dous anos de pandemia nos que a nosa Festa tivo que adaptarse a tantas circunstancias excepcionais, volve o Corpus con forza, con ilusión e con moitas ganas de toda a veciñanza de gozar da cor e arrecendo dos materiais empregados polas nosas e nosos alfombristas.

Unha importante novidade deste edición é ter unha festividade máis inclusiva. Se nos últimos anos viñamos contando cunha alfombra elaborada por persoas con mobilidade reducida da Asociación Adapta, este ano damos un paso máis. Membros do Grupo Social ONCE crearán por primeira vez na historia do Corpus unha alfombra floral, que se situará na Praza Maior. Retomamos tamén a presenza de delegacións convidadas internacionais: Arxentina, Monçao, Aguaviva (Teruel) e La Orotava (Tenerife), irmandado con Ponteareas.

Que significado especial ten o cartel desta edición 2022?
Estou namorada do cartel desta edición. Quixemos apostar pola creatividade ponteareá e polos nosos novos valores, encargando o deseño a Iria Alonso, unha veciña moza graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e con mestrado en Dirección de arte en publicidade.

Explicou que buscou homenaxear ás persoas que traballan para que o Corpus sexa posible, e puxo o foco na labor das mulleres que ve dende pequena nos portais durante as semanas previas ao Corpus preparando o material. O resultado foi fantástico. Por tanto, o meu agradecemento a Iria Alonso, destacando tamén o gran talento co que contamos na nosa vila.

Como encaixaría Vde. o Corpus dentro dos actos do Xacobeo?
O Xacobeo está contribuíndo ao recoñecemento das nosas alfombras florais grazas á elaboración por parte das e dos alfombristas ponteareáns que teñen confeccionado tapices en lugares polos que pasan os distintos camiños xacobeos. Crease unha interesante sinerxía entre Corpus e Xacobeo, e sempre atopamos algún grupo de persoas peregrinas que deciden desviarse das rutas tradicionais para coñecer o Corpus de Ponteareas.

“Somos a única Festa de Interese Turístico Internacional da nosa comarca e unha das poucas do noso País. Isto favorece á súa repercusión e difusión en ámbitos cada vez máis amplos”

Nos últimos anos as Alfombras de Ponteareas acadaron un recoñecemento internacional. Como entende Vde. que pode isto repercutir no desenvolvemento turístico da Comarca?
De xeito moi positivo. Somos a única Festa de Interese Turístico Internacional da nosa comarca e unha das poucas do noso País. Isto favorece á súa repercusión e difusión en ámbitos cada vez máis amplos. Recibimos milleiros e milleiros de persoas durante a fin de semana de Corpus, que non só visitan as alfombras florais, senón que lle dan un importante pulo á economía local e comarcal. Dende as semanas previas, as hospedaxes e a hostalaría da vila colgan o cartel de completo.

Dende o goberno que presido realizamos un importante investimento na propia festa do Corpus, pero tamén na súa difusión e na posta en marcha de iniciativas pioneiras que o dean a coñecer durante todo o ano e sirvan como recurso para atraer máis visitantes a Ponteareas e á nosa comarca. Nesa liña, creamos o primeiro Museo a Ceo Aberto do País dedicado ao Corpus, que permite viaxar virtualmente polas nosas alfombras florais escaneando os códigos que se atopan nas paredes dos distintos tramos alfombrados.

Tempo atrás falouse de dedicar o Camping da Freixa para o cultivo de plantas que fornecen flores para o Corpus. Parece que actualmente estase pensando noutro destino. Cal é a realidade?
En ningún momento abandonamos esa idea. O Cámping da Freixa dispón dun espazo privilexiado ao que queremos darlle diferentes usos, e entre eles está o de poder facilitar materiais para a confección das alfombras.Tras recuperar os terreos do mencionado cámping e acometer obras para garantir a conservación da edificación existente no recinto, estamos traballando cun plan integral para converter toda a área da Freixa-San Roque nun excepcional espazo natural e de ocio. Entre as accións deste plan, atópase a posta en marcha deste equipamento totalmente renovado. Xa o presentamos a diversos colectivos sociais, e a acollida foi moi positiva.