O Consello Galego de Turismo analizou a boa marcha da actividade turística

O Concello de Baiona solicita ser declarado Territorio de Preferente Actuación Turística

Santiago de Compostela | O Consello Galego de Turismo analizou os datos turísticos deste 2026, especialmente os rexistrados nos dous últimos meses. Así, segundo destacou Xosé Merelles, director da Axencia de Turismo, Galicia liderou en setembro o crecemento estatal nas noites de aloxamento, cun incremento do 13,1%, e en outubro encabezou o aumento do número de viaxeiros aloxados en hoteis e pensións, cun 7,7% máis que no mesmo mes de 2025. Ademais, destacou a evolución positiva dos resultados económicos, con 47,6M de euros de ingresos hoteleiros en outubro, un 16,3% máis que hai un ano, e uns ingresos acumulados nos dez primeiros meses de 2026 que se elevan a 442,1M de euros.

Na sesión do Consello Galego de Turismo foi informado da documentación presentada polo Concello de Baiona para a obtención da declaración de Territorio de Preferente Actuación Turística. A iniciativa permitirá impulsar un modelo de desenvolvemento turístico integrado coa paisaxe, o patrimonio histórico e a identidade cultural e mariñeira da vila.

O plan presentado aposta pola valorización do casco histórico, o patrimonio arqueolóxico, a gastronomía, os espazos naturais e as rutas vinculadas ao Camiño de Santiago, reforzando especialmente o turismo cultural como ferramenta para favorecer a desestacionalización. Tras analizarse por parte deste órgano, dáse continuidade á tramitación para o recoñecemento de Baiona como Territorio de Preferente Actuación Turística.

O órgano tamén analizou as distintas liñas de axudas de 2026, punto no que Xosé Merelles puxo en valor as destinadas a mellorar as infraestruturas turísticas e os establecementos de aloxamento, as dirixidas a concellos para poñer en valor os atractivos locais, as de apoio ás festas de interese turístico e tamén as de apoio para facilitar o acceso á formación no Centro Superior de Hostalería de Galicia. Así mesmo, abordouse a convocatoria de fondos europeos para impulsar a eficiencia enerxética nas empresas turísticas que tamén comprometen actuacións a realizar o vindeiro 2027.

Outro dos asuntos centrais foi a presentación dos orzamentos de Turismo de Galicia para 2027, que ascenden a 132,3 millóns de euros, un 5% máis que no exercicio anterior. Entre as prioridades figuran o reforzo da promoción internacional que supón o vindeiro ano 16M€, a modernización do sector, a mellora das infraestruturas turísticas, a seguridade e conservación dos Camiños de Santiago e a celebración do Xacobeo 2027, para o que se crea o Fondo Ultreia Xacobeo, inicialmente dotado con 9 millóns de euros.

Por último, presentouse o balance da actividade inspectora e sancionadora ata outubro, con preto de 4.000 actuacións inspectoras, con 908 actas e 1.081 informes, así como 455 expedientes sancionadores tramitados.

Festas de Interese Turístico Nacional
Durante o pleno, destacouse tamén a incorporación de dúas novas celebracións ao catálogo de Festas de Interese Turístico Nacional: o Entroido de Cobres e a Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova de Arousa. Ademais, Turismo de Galicia informou dos informes favorables emitidos para que As Pepitas de Ferrol, San Lucas de Mondoñedo e a Romaría da Saínza de Rairiz de Veiga opten tamén a este recoñecemento e sigan agora a súa tramitación ante o goberno central.

No relativo ao Xacobeo 2027, o Consello analizou os preparativos para o vindeiro Ano Santo, declarado acontecemento de excepcional interese público polo Goberno central, tras a petición de Galicia. A Xunta está a impulsar esta celebración a través do Plan Director de Patrocinios, así como do programa O teu Xacobeo. Ademais, xa se formalizaron os primeiros acordos de patrocinio empresarial.

O Consello Galego de Turismo é un órgano de participación e diálogo co sector, que permite avanzar na planificación dun modelo turístico galego baseado na calidade, na sustentabilidade, na competitividade e no equilibrio territorial.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.