
Monforte de Lemos | O último informe do Consello de Contas sitúa ao Concello de Monforte no nivel alto de madurez do seu sistema de control interno. “É un resultado que acredita o traballo feito e que nos anima a seguir facendo as cousas ben”, apunta o rexedor José Tomé.
O nivel alto é a máxima categoría establecida polo Consello de Contas neste informe que fiscaliza os exercicios 2021, 2022 e 2023, e só 26 dos 259 concellos avaliados acadaron este nivel.
José Tomé opina que “Este dato fala por si só do traballo realizado polo equipo de goberno desde que cheguei á Alcaldía en 2015. Todos os anos pechamos as contas con remanentes positivos e levamos once anos sen subir os impostos municipais.
“Aqueles que nos acusan de escurantismo e falta de transparencia cando aprobamos os orzamentos deberían coñecer mellor como funciona un orzamento municipal e, sobre todo, deberían preguntarlle ao Consello de Contas de Galicia. Porque son os seus informes, e non as opinións políticas, os que acreditan como funciona o sistema de control interno do Concello”. O Alcalde reiterou que, para o goberno municipal, o informe do Consello de Contas supón un recoñecemento ao traballo realizado e, ao mesmo tempo, un compromiso para continuar avanzando nunha xestión rigorosa, responsable e transparente.




