O Concello de Sober aproba o orzamento para 2023

As contas para este exercicio ascenden a 3.138.243 euros primando o gasto social

Sober | O alcalde, Luis Fernández Guitián, pon en valor, ademais do carácter social destes presupostos, “que non se sobe ningún imposto nin taxa”. En concreto, destínase a Benestar Comunitario e Gasto Social arredor de 1.500.000 euros e a Educación, Cultura e Deporte, 450.000 euros.

O presuposto municipal conta con máis de 800.000 euros de investimento, incluídos fondos propios, o Plan Único e outras axudas da Xunta de Galicia. Máis de 350.000 euros irán destinados á mellora de camiños, cunha partida específica destinada á limpeza de cunetas e sinalización. Tamén se contempla a rehabilitación e equipamento de dúas vivendas en Vilamaior e a humanización das Prazas de Lobios e Campo de Anllo.

As contas recollen unha partida para a compra de terreos para un novo Punto Limpo e a continuación das escavacións en Proendos.

Entre as inversións tamén figura a ampliación da Gardería Municipal, a construción dun novo Punto Limpo, a mellora da Capela da Barca, a mellora dos parques infantís de Arxemil e Canabal, a ampliación da rede municipal de abastecemento ou o resembrado e novos bancos nos campos de fútbol de Sober e A Carqueixa.

Mantense ademais as liñas de axudas para todos os niveis educativos; infantil, primaria, secundaria e universidade. O fomento do emprego conta cunha partida específica de máis de 75.000 euros.

O rexedor destaca a aprobación duns orzamentos “realistas, que van permitir seguir mellorando servizos públicos e avanzar na calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.