O Concello de Ourense entrega a AFAOR a recadación solidaria da Carreira do San Martiño

CaixaBank sumou unha achega adicional de 4.000 euros para a entidade social

Ourense | O concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e a concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, entregaron á presidenta da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR), María Dolores Neira, un talón por valor de 1.876 euros “para que poida seguir contribuíndo a mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias”. A contía procede da cota solidaria achegada polos participantes na 48ª Carreira Pedestre Popular do San Martiño, celebrada o pasado 9 de novembro.

No acto, que tivo lugar no salón de plenos do Concello, participaron tamén Antonio Lema, director de área de CaixaBank en Ourense, e Gonzalo Balseiro, da área de Acción Social da entidade financeira. CaixaBank quixo reforzar este compromiso cunha achega adicional de 4.000 euros, elevando o apoio total á asociación por riba dos 5.800 euros.

Aníbal Pereira destacou o “traballo marabilloso” que realiza AFAOR e subliñou que “nun evento tan importante, probablemente o maior a nivel deportivo da cidade, é un orgullo colaborar con eles”. O concelleiro tamén puxo en valor a colaboración público-privada, neste caso de CaixaBank, como patrocinador principal da proba, que se ofreceu a colaborar desde o momento en que se comunicou o destino do dorsal solidario.

Pola súa banda, Antonio Lema sinalou que “é un pracer colaborar tanto de maneira indirecta, na San Martiño, como de maneira directa coa achega de 4.000 euros”, tras coñecer de primeira man o labor “imprescindible” que realiza a asociación.

Finalmente, a presidenta de AFAOR, María Dolores Neira, agradeceu o apoio de ambas as institucións: “Todo o que se brinde para colaborar e mellorar a asistencia das persoas que padecen Alzhéimer vén moi ben. Cada vez temos máis usuarios porque somos máis lonxevos, e tratamos de que a súa calidade de vida sexa a mellor posible”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.