O Concello de O Pereiro de Aguiar investiga as súas orixes no lugar de Outeiromeau

Inician os traballos para caracterizar un xacemento arqueolóxico con máis de 2000 anos de antigüidade

O Pereiro de Aguiar | O Concello de O Pereiro de Aguiar vén de iniciar os traballos de investigación e caracterización arqueolóxica no lugar de Outeiromeau, un enclave de elevado potencial patrimonial que podería permitir afondar nas orixes históricas do municipio e avanzar no coñecemento dos primeiros asentamentos do municipio. A actuación está financiada ao abeiro do programa Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC).

A intervención estrutúrase nunha secuencia de actuacións orientadas á documentación científica e á avaliación integral do xacemento arqueolóxico. Nunha primeira fase acometéronse xa traballos de roza da vexetación e limpeza do lugar. De seguido acaba de realizarse un levantamento topográfico mediante tecnoloxía UAV-LiDAR que permitiu recrear un modelo dixital de alta precisión no que se interpreta con detalle a morfoloxía do enclave conformada por dúas liñas de murallas concéntricas (Fig.1).

Na actualidade os traballos concéntranse (Fig.2) na aplicación das máis actualizadas tecnoloxías de prospección mediante magnetometría e xeorradar (GPR) que permitirá obter unha radiografía do terreo e comprobar a existencia de construcións soterradas hoxe invisibles a simple vista. Estas metodoloxías non invasivas nos últimos anos se teñen consolidado como ferramentas de referencia para a salvagarda do patrimonio arqueolóxico e para a planificación de futuras intervencións de conservación e posta en valor.

Finalmente, executaranse sondaxes arqueolóxicas valorativas nun mínimo de 20 metros cadrados de escavación manual nas zonas que presenten unha maior potencialidade patrimonial segundo os resultados obtidos nas fases previas. As actuacións previstas deberán quedar concluídas antes de finais do mes de xuño, momento no que o concello espera dispoñer xa dunha primeira diagnose integral do potencial arqueolóxico do xacemento de Outeiromeau, abrindo a porta a futuras fases de escavación, conservación e musealización.

O alcalde de O Pereiro de Aguiar, Luís Menor, destacou que “este proxecto supón unha oportunidade extraordinaria para coñecer mellor as raíces históricas do noso concello e avanzar na protección dun patrimonio que pode converterse nun importante recurso cultural e turístico”. O rexedor subliñou ademais que esta iniciativa “encaixa plenamente coa estratexia de desenvolvemento local baseada na valorización do territorio, da paisaxe e do patrimonio como elementos xeradores de actividade económica e identidade colectiva”.

Pola súa banda, o arqueólogo responsable da intervención de campo, Manuel Cabo, explicou que os primeiros resultados obtidos “falan dun xacemento moi monumental, con polo menos dúas liñas de murallas perfectamente conservadas e unha elevada densidade de estruturas detectadas mediante xeorradar”. Segundo indicou, “o seguinte paso será confirmar a natureza destas anomalías arqueolóxicas a través das diferentes sondaxes que acaban de iniciarse e que permitirán avaliar o verdadeiro alcance científico do enclave”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.