O Concello de Lugo solucionará as máis de 220 eivas atopadas no novo Auditorio de Magoi

A través dun investimento mínimo de 430.000 euros

Lugo | O novo Auditorio de Magoi precisará dun investimento mínimo de 430.000 euros para poder abrir as súas portas debidamente acondicionado e con todas as garantías de seguridade para o público. Así o determina un detallado informe, contratado polo Concello, para avaliar en que estado foi entregado o inmoble.

Este completo dossier, de 110 páxinas, recolle máis de 220 deficiencias que atinxen a cuestións relacionadas fundamentalmente coa aparición de filtracións, carencias dos equipamentos ou defectos de relevancia nos sistemas de protección contra incendios e mesmo nas instalacións de gas, ventilación e climatización así como nos propios acabados da edificación.

“Trátase, segundo indican as conclusións do informe elaborado, que o deterioro que presenta o edificio é froito dalgúns erros construtivos pero fundamentalmente do tempo que o inmoble estivo desocupado, sen uso e tamén sen mantemento, ata a súa entrega, pola que agardamos 15 anos. Cómpre lembrar que logo de rematar as obras en abril de 2016, o equipamento da dotación non comezou a instalarse até febreiro de 2019”, recordou a rexedora.

Lara Méndez indicou que logo de que a instalación fose recepcionada o pasado mes de xuño e ante o criterio técnico que sinalaba a necesidade de avaliar con exactitude as condicións nas que se encontraba a construción co fin de que a súa apertura non supuxera ningún risco para as persoas usuarias e traballadoras, a administración local procedeu a encargar unha avaliación global. “Un contrato que foi outorgado por 13.310 euros á empresa Inxenium, que elaborou un proxecto de execución de obras no exterior e de posta en marcha das instalacións”, aclarou.

Previamente, houbo que contratar o acondicionamento mínimo da instalación eléctrica co fin de solicitar o subministro definitivo, que se obtivo en novembro de 2020, e o seu reglaxe, traballos que costaron 31.117 euros e que permitiron comezar as probas de funcionamento das distintos instalación técnicas, traballos necesarios e obrigados para realizar o informe definitivo da situación do inmoble e o seu equipamento.