O Concello de Lugo edita ‘Fantasía sobre Aires Gallegos’, unha xoia musical de Xoán Montes

Unha revisión da obra do músico lucense máis internacional
Estatua de Xoán Montes na Praza Maior de Lugo.

Lugo | Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, presidiu a 39ª ofrenda floral ao músico Xoán Montes, organizada polo Orfeón Xoán Montes, para homenaxear a un dos músicos máis internacionais de Lugo. Ademais, a rexedora entregoulles o libro ‘Fantasía sobre Aires Gallegos – Xoán Montes’, editado polo Concello de Lugo, que é unha revisión e adaptación da obra do autor e que foi escrito por Fernando Gómez Jácome e revisado e adaptado por Iván Martínez Sabio.

A obra quedou pendente de entregar no mandato pasado e quíxose esperar para a súa entrega a que pasase o groso da restricións sanitarias da pandemia.

O acto tivo lugar diante do busto do músico, que foi trasladado desde o xardín de San Roque a Praza Maior o pasado ano co fin de estar arroupado por escenarios importantes na traxectoria do músico, como o colexio dos Padres Franciscanos, o Círculo das Artes e a Catedral.

Acto seguido realizouse a Ofrenda Floral ao músico e se celebraron actuacións musicais a cago do arpista Iván Garmen, acompañado na percusión por Pablo Varela. Ademais, o grupo de música tradicional ‘Os Ferrancholos’ realizou un dúo de gaitas e percusión.

Para finalizar, o quinteto ‘Umbra Nigra Quinteto’, dirixidos por Iván Martínez, interpretou ‘Negra Sombra’ poema de Rosalía de Castro, ao que Xoán Montes deu son no ano 1892, a cargo do Orfeón Xoán Montes.