
Laza | Manuel Pardo, delegado da Xunta en Ourense, desprazouse ao Concello de Laza para, acompañado do seu alcalde, José Ramón Barreal, comprobar o resultado das obras de conservación que o Goberno galego desenvolveu na estrada autonómica OU-112 (Laza – Cerdedelo) entre os puntos quilométricos 01+035 – 01+385, e que supuxo unha achega da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de máis de 33.000 euros.
O delegado territorial explicou que os traballos consistiron na construción dunha gabia en formigón, duns 350,00 ml de lonxitude e 2,00 ml de anchura. Fíxose necesario realizar un corte lonxitudinal ao longo da zona de actuación para posteriormente facer a escavación da caixa que contivera a senda en formigón propiamente dita. Incluíuse, así mesmo, o corte do formigón para as xuntas de dilatación e dúas arquetas, así como a recolocación das sinais de código que se tiveron que mover para a instalación da senda.
Manuel Pardo significou que, con actuacións como esta, a Xunta de Galicia consolida un modelo integral de mobilidade segura, verde e sostible, no que a planificación técnica, a innovación, a educación e o coidado do territorio son ferramentas ao servizo da protección das persoas. Un esforzo que, ademais de mellorar o día a día da cidadanía, sitúa a Galicia como referente europeo en seguridade viaria.
E recalcou que a seguridade viaria é unha prioridade absoluta para o Goberno galego, posto que se trata da integridade e a vida das persoas e non hai nada por encima diso; “a Xunta continúa dotando as vías autonómicas de itinerarios seguros, sostibles e saudables para favorecer os desprazamentos a pé dos peóns que son os usuarios máis vulnerables das estradas”; sentenciou.




