O concello da Guarda esixe á Xunta novas medidas nos centros de ensino fronte ao Covid-19

A Guarda/BNG | O pleno do Concello da Guarda súmase a reivindicación da comunidade educativa para esixir a Xunta de Galiza, que dote aos centros de ensino de suficiente profesorado e material para garantir que a actividade educativa se desenvolva con garantías sanitarias.

O Concelleiro nacionalista Xosé Manuel Méndez, calificou como un auténtico despropósito a posta en marcha deste comezo de curso por parte da Xunta de Galicia. Na súa intervención diante do pleno manifestou “ A Xunta de Galiza tivo 6 meses para planificar o comezo do curso. Non escoitaron as ANPAS, nin aos representantes do profesorado. Presentaron un protocolo 6 días antes de comezar o curso que prima os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias. Non se respectan os criterios estabelecidos para o resto da poboación, como poden ser as regras de distanciamento persoal. Non se recollen medidas específicas para o alumnado con necesidades educativas especiais. Outro tanto ocorre cos comedores escolares.Tampouco se adopta ningunha medida que solucione os graves problemas que se manifestaron durante o confinamento á hora de impartir aulas de maneira telemática, como a fenda dixital, a formación do profesorado e alumnado”.

A proposta nacionalista aprobada polo pleno tamén reclama da Xunta de Galiza que se faga cargo dos traballos de desinfección e limpeza dos centros de primaria que recolle o protocolo e que son competencía do goberno galego.