O concelleiro socialista Xosé Rúas será candidato á secretaría local do PSdeG

De cara ás eleccións do vindeiro 6 de marzo

Ourense | O concelleiro socialista Xosé Rúas vén de anunciar que concorrerá ás eleccións á secretaría local do PSdeG-PSOE en Ourense coa vocación de “xerar consensos e sumar forzas arredor dun proxecto compartido e de talante integrador”. Asegurou que desexa formar unha executiva local que reúna catro características básicas: xuventude, experiencia, talento e formación.

Deu a coñecer aos medios nun café informativo en pleno corazón histórico da cidade, onde o socialista asegurou tomar esta decisión “coa responsabilidade e ilusión de continuar servindo, con lealdade, a unha formación política con preto de século e medio de historia e representando a gran marca que simboliza o PSdeG-PSOE, por enriba de calquera interés ou ambición persoal”.

“Levo días reuníndome e falando persoalmente con distintos grupos de militantes, coa intención de pulsar as opinións das compañeiras e compañeiros, e seguirei facéndoo nos próximos días”, adiantou.

Neste sentido, o socialista salientou que agarda que a candidatura que encabeza acade, o vindeiro 6 de marzo, a confianza maioritaria das bases socialistas na cidade, para “seguir facendo músculo e un partido cada vez máis forte e unido en Ourense”.

Rúas tamén afirmou ser “un home de partido” que leva anos “traballando e apoiando a distintos candidatos a alcaldías e responsables do partido, na provincia en na cidade”, e que agora é el mesmo quen se decide a “dar o paso”.

“A miña disposición de cara a integrar as distintas sensibilidades dentro do partido é absoluta”, asegurou o candidato á secretaría local dos socialistas, quen engadiu que “no PSdeG-PSOE de Ourense non sobra ninguén e todas as compañeiras e compañeiros son necesarios para construír un proxecto común”.