
Mos | Mos celebrou esta fin de semana a XXVI Festa do Codillo, unha cita que volveu reunir veciños e visitantes arredor da gastronomía e das tradicións populares. Ao longo da xornada de onte ofrecéronse arredor de 2.000 racións de codillo, nun evento que incluíu música, artesanía e actividades para todos os públicos.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou na celebración e agradeceu o traballo das persoas que fan posible a festa, así como a implicación da veciñanza. A cita permite, un ano máis, compartir a gastronomía local e manter unha tradición que forma parte da vida social do municipio.
O domingo, un dos momentos máis destacados foi o pregón, a cargo da Rondalla Santa Eulalia de Mos. Durante o acto, Nidia Arévalo entregou unha rosa de prata a Irene Anta, directora da agrupación, en representación dos seus integrantes, que tamén recibirán a devandita rosa, en recoñecemento ao seu labor e á súa contribución á cultura local.

Na celebración estiveron presentes tamén o deputado provincial Marcos Guisasola; Julio Rodríguez Comesaña, secretario da Mesa do Parlamento de Galicia; e Moisés Rodríguez, deputado no Parlamento galego, así como as concelleiras Felisa Rodríguez e Laura Méndez e os concelleiros Camilo Grandal e José Ramilo.
A programación dominical incluíu a degustación do codillo, acompañada de pan e viño e amenizada polas agrupacións Airiños do Castelo (a banda de gaitas do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos) e pola Charanga Noroeste. Tamén abriu as súas portas o XXI Mercado de Artesanía, rematando a xornada cun sorteo de premios entre os asistentes.
Magosto e concurso de serra de troncos
A festa comezou o sábado co magosto popular, no que os asistentes puideron degustar castañas, viño e chouripáns. A programación incluíu tamén o XXI Concurso de Serra de Troncos, unha das actividades tradicionais da celebración. A noite pechouse coa actuación de Nacional 81.
A XXVI Festa do Codillo está organizada polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, coa colaboración do Concello de Mos, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, Gadis e Froiz.




