O Centro de Ciberseguridade de Galicia estará na Tecnópole en Ourense

Deputación e a AMTEGA reforzan a súa alianza a prol do desenvolvemento tecnolóxico provincial

Ourense | Luís Menor Pérez, presidente da Deputación, recibiu a Julián Cerviño, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), así como a persoal directivo deste organismo dependente da Xunta de Galicia.

Menor informou á prensa que esta reunión serviu para continuar reforzando a alianza que manteñen a Deputación e AMTEGA a prol do desenvolvemento tecnolóxico da provincia, a través do Centro de Ciberseguridade de Galicia que se construirá na Tecnópole. Así, o inicio das obras desta nova infraestrutura é inminente, “polo que o importante é planificar o seu contido, algo para o que a Deputación participará activamente nos obxectivos do mesmo”.

Luís Menor sinalou que esta participación será visible en diversos eidos, como por exemplo desenvolvendo os propios programas de ciberseguridade da institución provincial, prestando colaboración aos concellos. Tamén se fomentará a colaboración público-privada, exercendo a Deputación un rol coordinador coas empresas provinciais. E explicou a dimensión educativa do Centro de Ciberseguridade, ampliando así a oferta da Facultade de Informática.

Pola súa banda, Julián Cerviño recalcou que as administracións teñen que xogar un papel moi importante no eido da transformación dixital segura e a ciberseguridade nos municipios, “sobre todo porque as institucións provinciais teñen no seu ADN aos municipios, coa fin de achegar unha modernización tecnolóxica segura a todos os concellos. Por iso é fundamental a cooperación da Deputación para que desde a Xunta podamos desenvolver estes proxectos”.