O CEIP de Sober iniciou o curso con máis alumnado dos últimos anos

Cunha matrícula de 73 alumnos, 25 de infantil e 48 de primaria
Colexio Virxe do Carme de Sober.

Sober | O CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober inicia o curso con máis alumnado dos últimos anos. Tanto é así que a cantidade de alumnos case se duplicou desde hai dez anos, comparándoo co curso 2010/2011, alcanzando este ano unha matrícula de 73 alumnos, 25 de infantil e 48 de primaria. A suba é constante ano tras ano: 66 alumnos no 2019, 67 no 2020 e 73 este ano.

A este alumnado hai que sumar o da gardería municipal que ten as súas 20 prazas para alumnado de 0 a 3 anos tamén cubertas, o que garante novo alumnado para o colexio nos próximos anos.

Luis Fernández Guitián, o alcalde, explica que dende o Concello se poñen todos os medios posibles para facilitarlle ás familias do Concello a asistencia ao centro de ensino da localidade. Así, organízanse numerosas actividades culturais, ofrécese o servizo de conciliación e convócanse as axudas para adquisición de material escolar, entre outras.

O Concello agradece ademais a mellora das instalacións comprometida pola Xunta de Galicia, cuxas obras comezarán en outubro e suporán un investimento de 260.000 euros.

Neste senso, o Concello de Sober vén de aprobar por vez primeira as bases reguladoras para a convocatoria de axudas ás familias para a adquisición de libros de texto e de material escolar de alumnos e alumnas de educación infantil e primaria do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme.

As axudas serán como máximo de 120 euros por cada filla/o que estea cursando estudios de educación infantil (2º ciclo) de 3 a 5 anos e dun máximo de 60 euros por cada fillo ou filla que estea cursando estudios de educación primaria no CEIP Plurilingüe Virxe do Carme no curso 2021/2022.