O CEIP de Leirado en Salvaterra, galardoado no VII Concurso de Traballos por Proxectos

Por cuarto ano consecutivo
O proxecto premiado foi “A tope coa saúde”, na modalidade de proxectos documentais integrados, coordinados dende a biblioteca escolar.

Salvaterra de Miño | O CEIP de Leirado en Salvaterra de Miño vén de ser galardoado, por cuarto ano consecutivo, no VII Concurso de Traballos por Proxectos que foi convocado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O proxecto premiado foi “A tope coa saúde”, na modalidade de proxectos documentais integrados, coordinados dende a biblioteca escolar. Entre os criterios tidos en conta para a valoración do proxecto figura a participación de toda a comunidade educativa no seu desenvolvemento.

Este premio supón, unha vez máis, o recoñecemento de que o deseño deste proxecto e os que se están a desenvolver no centro coloca ao seu alumnado no camiño axeitado para acadar a mellor competencia lectora e para acadar competencias que son clave na sociedade da información, nomeadamente a súa competencia para o uso e produción de información.

Entre os criterios tidos en conta para a valoración do proxecto figura a participación de toda a comunidade educativa no seu desenvolvemento.

Parabéns, polo tanto, para o equipo da biblioteca, equipo docente, persoal non docente, alumnado, familias, ANPA e outras institucións que participaron no desenvolvemento do proxecto no pasado curso escolar (Concello de Salvaterra de Miño, CFR de Vigo, Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, Inspección Educativa…). Dende o centro esperamos contar coa colaboración novamente de toda a comunidade educativa para o desenvolvemento de proxectos vindeiros.