O CDL O Torrón de Salceda terá unha nova cuberta

Cun investimento de 39.984 euros de fondos municipais

Salceda de Caselas | Nestes días darán comezo en Salceda as obras de cambio de tella do CDL O Torrón, en Entenza. Un centro dedicado á promoción económica, emprego e formación.

“A nova cuberta será de tella cerámica curva envellecida 40×15 cm., en dúas fases”

Os traballos consisten na desmontaxe da tella cerámica, cumbreiras, limas, brocas, e demais puntos singulares da cuberta. A nova cuberta será de tella cerámica curva envellecida 40×15 cm., en dúas fases. Instalarase tamén un sistema de recollida de augas pluviais nos beirados da cuberta.

O proxecto ascende a 39.984 euros máis IVE que asumirá o concello con fondos propios, con cargo ao orzamento municipal, dentro do plan de mantemento e conservación de edificios municipais.

Proximamente tamén se farán investimentos nos sistemas informáticos do centro coa montaxe dun servidor.

Esta obra de mellora súmase á instalación do sistema de climatización en todas as estancias do centro, que na actualidade conta con distintas aulas: unha polivalente, aula de informática, aula de cociña e de ebanistería.

Ademais de despachos de emprendedores/as, salas de xuntas e salón de actos. Este centro acolle ademais o servizo de orientación laboral, con dúas persoas e un técnico de emprego.

Ao longo destes últimos tempos desenvolvéronse varios cursos de formación como atención sociosanitaria ou operario/a de automoción, ademais dun programa integrado de emprego con 100 persoas desempregadas e cursos de formación da Aula Mentor.

Verónica Tourón, alcaldesa e responsable da área de emprego e formación, “estamos a facer investimentos importantes neste centro de desenvolvemento local que acolle o servizo municipal de promoción económica que xa é referente na comarca. Un servizo prioritario que atende máis de 2000 consultas anuais”.