O Castelo do Sobroso acolle unha histórica xuntanza das Entidades Locais Menores de Galicia

Baixo o auspicio da Deputación de Pontevedra

Mondariz| As alcaldesas e alcaldes das Entidades Locais Menores de Galiza reuníronse no Castelo de Sobroso, que cedeu a Deputación de Pontevedra para tal fin, na parroquia de Vilasobroso que tamén é unha Entidade Local Menor.

Os alcaldes-presidentes de Arcos da Condesa, Bembrive, Berán, Camposancos, Chenlo, Morgadáns, Pazos de Rei, Queimadelos e Vilasobroso intercambian as experiencias e o día a día na xestión das administracións locais que representan.

Despois de algo máis de un ano de lexislatura que é a primeira para moitos alcaldes e tras varias convocatorias electorais e aínda coas vicisitudes sanitarias da actual emerxencia sanitaria, esta iniciativa de reunirse é aplaudida por tódalas Entidades que necesitaban compartir e aprender coas súas homólogas porque, como dixo unha das alcaldesas: “A unión fai a forza”, “que ademais é o lema de Bembrive” como indica o presidente desa entidade.

As Entidades Locais Menores son a administración pública das parroquias pero en Galiza son minoritarias, a diferencia doutras comunidades autónomas ou das freguesías en Portugal, e ademais minimizadas desde o resto das administracións, as veces por
desleixo ou descoñecemento lles dan as costas.

Esta reunión de Entidades busca fortalecer unha agrupación, un punto de partida para trazar as liñas básicas para mellorar a comunicación con outras administracións e poder lograr a medio prazo compromisos coa Xunta de Galiza e as Deputacións Provinciais, especialmente a Deputación de Pontevedra onde están oito das nove Entidades.

Compromisos que reflictan en subvencións específicas e liñas de investimento que non teñan que depender dos Concellos nos que están localizadas.

Aínda que existen asimetrías importantes entre as diferentes Entidades que varían dos miles de habitantes a uns poucos centos, tódalas alcaldesas e alcaldes coinciden na importancia de manter este tipo de reunións anualmente e non descartan asociarse para defender mellor os intereses dos veciños das parroquias con Entidade.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!