O Camiño une a Tui coa italiana Viterbo

Asinado protocolo de intencións co foco na Vía Francíxena e o Camiño Portugués

Tui | O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a rexedora de Viterbo, Chiara Frontini, asinaron onte na casa do concello un protocolo de intencións, entre ambos municipios. No mesmo sinálase a importancia histórica e cultural de ambas localidades “ambas, gardiás de centros históricos de grande relevancia e de testemuñas artísticas e arquitectónicas de extraordinaria importancia, representan lugares nos que o pasado continúa vivo no presente, contribuíndo a definir a identidade das comunidades locais.

A sindaca ou alcaldesa de Viterbo, e a concelleira de Turismo, Alessandra Croci, estiveron onte en Tui respondendo á invitación feita polo alcalde, Enrique Cabaleiro. Nesta visita puideron participar nas actividades celebradas na cidade co gallo da festividade de San Telmo, e convidaron á corporación municipal a visitar Viterbo en setembro, coincidindo coas súas festas patronais na honra a Santa Rosa.

Viterbo e Tui distínguense ademais polo seu papel significativo ao longo de dous dos máis importantes itinerarios de peregrinación europeos: a Vía Francíxena e o Camiño Portugués cara a Santiago. Estes percorridos, ao atravesaren os seus respectivos territorios, favoreceron historicamente o encontro entre pobos, culturas e tradicións, convertendo ambas cidades en puntos de acollida, intercambio e espiritualidade. Aínda hoxe, a vocación de hospitalidade de Viterbo e Tui atopa expresión nos seus respectivos camiños de peregrinación, situados a uns 100 km de Roma e de Santiago de Compostela, que constitúen unha ponte ideal capaz de unir simbolicamente as dúas comunidades.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, este protocolo de intencións xurde coa vontade de promover iniciativas conxuntas nos ámbitos cultural, turístico e social. En particular, promover os itinerarios de peregrinación como ferramentas de desenvolvemento sostible e de encontro entre pobos; e a reforzar o sentimento de pertenza a unha dimensión europea común.

Enrique Cabaleiro agarda que o desenvolvemento desta actividade poida chegar a sentar as bases para un posterior acordo de irmandade entre ambas cidades. O mandatario tudense agradeceu o esforzo da alcaldesa e a concelleira de Viterbo para achegarse ata Tui compartindo unha xornada tan significativa para a nosa cidade como foi o día grande das festas de San Telmo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.