“O Camiño Portugués era o que máis crecía antes da pandemia”

Luis Pedro Martins, presidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal

Tui | No marco do terceiro relatorio do Foro do Camiño Portugués organizado polo Concello de Tui, interveu este 22 de xuño Luis Pedro Martins, presidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal (TPNP), quen explicou os proxectos que leva a cabo a súa entidade para a promoción desta ruta xacobea de peregrinación dende Portugal.

Na súa conferencia celebrada na Aula CEMIT de Tui, Martins explicou que a TPNP leva a cabo unha “promoción intensa” do Camiño Portugués, amparada institucionalmente por esta entidade que agrupa a 86 Cámaras Municipais do Norte de Portugal e que conta con apoio públio por parte do goberno portugués así como de entidades privadas.

Martins enfatizou na necesidade de avanzar na “información dixital” para a divulgación e promoción do Camiño Portugués, con particular atención ao medio rural, toda vez afirmou que esta ruta de peregrinación foi a que “maís creceu ata 2019 e antes da pandemia”. En termos porcentuais, o Camiño Portugués ocupou o 21% de preferencia dos peregrinos en 2019, por detrás do Camiño Francés (34%)

“En termos porcentuais, o Camiño Portugués ocupou o 21% de preferencia dos peregrinos en 2019, por detrás do Camiño Francés (34%)”

Considerou igualmente que no 2020, a pesar da parálise motivada polos protocolos sanitarios da COVID 19, foi un ano de “moito traballo” para a difusión turística do Camiño.

Tras analizar o estado das catro rutas de peregrinación existentes dende Portugal, sendo estas o Camiño Portugués da Costa, o Camiño Portugués Central, o Camiño de Torres e o Camiño Minhoto Ribeiro, Martins informou dos proxectos que leva adiante a TPNP en canto a promoción do Camiño, destacando o proxecto “Facendo Caminho”, con especial incidencia dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; e o proxecto “Street View”, que permite visualizar vía Google as principais rutas do Camiño Portugués ata Santiago, un total de 567 km de percorrido. Martins salientou que este é un proxecto pioneiro a nivel europeo e mundial.

O Concello de Tui agasallou a Luis Pedro Martins tralo seu relatorio.

Finalmente, explicou que existe en Santiago de Compostela unha Loja da TPNP que permite acceder á información do Camiño Portugués para todos aqueles interesados en realizar esta ruta de peregrinación.

Noutro orde de ideas, neste evento do Foro do Camiño Portugués, o alcalde do Concello de Tui, Enrique Cabaleiro, aproveitou para informar da aprobación por parte da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto da remodelación da antiga Cárcere de A Grella en Tui, un emblemático edificio do patrimonio tudense, para ser reconvertida nun Centro de Interpretación do Camiño de Santiago e de acollida para peregrinos.

Esta remodelación poderá levarse a cabo grazas a un orzamento de 329.859,49€ do Plan Nacional Xacobeo 2021-2022.