“O Camiño Inglés na escola” chega a Pontedeume

Proxecto educativo da Asociación de Concellos do Camiño Inglés

Pontedeume | Un total de 39 alumnos e alumnas de 2º e 3º de Primaria do CPR La Grande Obra de Atocha de Pontedeume participaron na primeira sesión de “O Camiño Inglés na escola”, un proxecto educativo posto en marcha pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés.

Unha iniciativa que nace coa vocación de sensibilizar aos estudantes de educación primaria dos 16 municipios polos que discorre esta ruta xacobea a través da difusión dos valores xacobeos.

O presidente da asociación, Manuel Mirás Franqueira, explica que “se trata dun proxecto que permitirá unha maior difusión, divulgación e coñecemento do Camiño Inglés entre os escolares. Queremos que o coñezan, que o respecten e que así colaboren na salvagarda do seu rico patrimonio cultural”.

Para iso, a rapazada do CPR La Grande Obra de Atocha de Pontedeume estreou o pasado xoves o “Xogo da Oca do Camiño Inglés”, unha adaptación do popular xogo a esta ruta xacobea, con ilustracións co máis representativo de cada unha das etapas dende o punto de vista patrimonial, cultural e paisaxístico.

Os nenos e nenas xogaron con fichas que representaban a peregrinos e que ían percorrendo as casillas, mentres os dous monitores lles explicaban o municipio polo que estaban discorrendo e os seus atractivos.

“O Camiño Inglés na escola” é un proxecto promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, que conta co financiamento da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a través de Turismo de Galicia. A asociación, constituída en febreiro do 2019, está formada por 16 concellos: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.

Outros artigos