O británico Tom Glendenning sensibilizará sobre a emerxencia climática no Covelo

Cun mural no skatepark dentro d concurso ‘People & Planet’

O Covelo | Catro obras chamarán a actuar contra a emerxencia climática nos concellos do Barco de Valdeorras, Covelo, Narón e Guitiriz tras gañar o Concurso de Murais ‘People & Planet’. As propostas de Felipe Zúñiga, Tom Glendenning, Andrea Luengo e Pedro González resultaron ser as que mellor ilustran o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 13, que convida a “adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos”. Unha viaxe sostible a Cabo Verde é o premio desta primeira edición do certame, convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e cofinanciado polo programa DEAR da Unión Europea e a Xunta de Galicia.

A concelleira, Lourdes Enes, representante do Concello de Covelo no Fondo Galego de Cooperación amosa a súa satisfacción e felicita ao gañador. “O mural será un xeito de achegar visulamente á mocidade a importancia de coidar do medio natural aló onde esteamos e é un paso máis no cumprimento dos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías e na consecución do ODS recollidos na Axenda Urbana 2030”.

‘Acción polo clima’ é precisamente o título do bosquexo presentado por Felipe Zúñiga, alias ‘Malpegados’, artista chileno afincado en Barcelona. O mural farase realidade na fachada do pavillón de deportes do Barco (Ourense) co fin de trasladarnos a un futuro distópico ao que chegaremos se non tomamos medidas para preservar a contorna. Cunha representación visual equilibrada e unha estudada selección de cores, emprégase o simbolismo de distintos elementos para amosar o contraste entre a vida na Terra e a súa destrución, coa intención de facernos reflexionar sobre o impacto colectivo que teñen as nosas eleccións individuais.

O británico Tom Glendenning, residente na cidade de Pontevedra, encargarase de ilustrar o recinto do skate park de Covelo (Pontevedra) coa obra ‘Hai dous futuros’. O xurado valorou a capacidade da proposta para celebrar a natureza con liñas de nivel e cores que evocan a paisaxe, remitíndonos tamén a unha especie de mapa de calor sobre o que nos alerta o ODS 13. Cun estilo abstracto pero propio, a obra espertará a curiosidade en quen a observe, que deberá elixir entre un camiño en harmonía co medio ou un futuro de sombras grises.

A escolla entre eses dous destinos parece centrar tamén a proposta ‘Quéreme ou non me quere’, da cacereña Andrea Luengo, seleccionada para o muro do pump truck de Narón (A Coruña). A obra convida a repensar o territorio e como o habitamos, amosa como vemos e como imos ver a nosa contorna a causa do cambio climático, animando a pasar á acción para frealo. Valórase a narrativa tomada das margaridas e que preguntas lles fariamos cando xa non quede chan onde poidan medrar. A nivel pictórico, percíbese un estilo moi persoal, con pinceladas que case converten o mural nun cadro ao óleo mesturadas con sinxelos debuxos.

Por último, o bosquexo ‘Save your future’, do vigués Pedro Gonzalo, plasmarase no Estadio Suso Cruz de Guitiriz (Lugo). A proposta pon de relevo a necesidade de actuar para que a realidade representada nunha parte da obra non arrase coa retratada na outra. Nesta última represéntase a natureza con formas redondeadas e orgánicas, en tonalidades verdosas e amarelas, mentres que no outro lado as figuras vanse agudizando e escurecendo cada vez máis. A fase de transición alértanos de que cómpre tomar medidas para que ese fume que simboliza a emerxencia climática non ensombreza o destino das vindeiras xeracións.

A primeira edición do Concurso de Murais ‘People & Planet’ recibiu un total de 13 deseños de 10 muralistas -das que 6 eran mulleres-, que foron valoradas polo xurado nunha xuntanza celebrada a semana pasada en Santiago de Compostela. As artistas Sandra Lodi, Julia Lago e Delio Rodríguez, canda Ana Díaz, activista de Ecoloxistas en Acción, e Noela Vilas, técnica municipal de xuventude, integraban o tribunal que decidiu as propostas gañadoras. As e os seus autores viaxarán proximamente a Cabo Verde, co fin de coñecer a realidade dun país da África lusófona co que o Fondo Galego leva colaborando dúas décadas.

Ademais, as e os muralistas terán a oportunidade de presentarlle as súas propostas á mocidade dos municipios onde interveñan, podendo recoller as súas ideas e integrala nun pintado colectivo. Impúlsase así un artivismo que pon en valor o potencial transformador da creación artística, promovendo o pensamento crítico e reivindicando un cambio social.

De igual xeito, foméntase a participación cidadá na construción de cidades e vilas sostibles, ao tempo que se transforma o espazo público de maneira colectiva. A segunda edición do certame porase en marcha no mes de febreiro arredor do ODS 6: Auga limpa e saneamento.

ODS 13: Acción polo Clima
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible son 17 metas globais que os Estados membros da ONU adoptaron a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. A tamén chamada Axenda 2030 abrangue temas coma o xénero, a saúde, a educación, o medio ambiente ou a paz. Todos os ODS da entroncan dalgún xeito coas competencias locais, de aí que o papel dos municipios sexa clave para acadalos.

Concretamente, o ODS 13 pon de relevo que as persoas vivimos na nosa propia pel as consecuencias do cambio climático, coma a seca ou as inundacións. Os gases de efecto invernadoiro que produce a actividade humana acentúan a ameaza a nivel global, xa que as emisións na nosa zona prexudican a poboacións afastadas, e viceversa. A solución pasa por adoptar políticas ao respecto e por concienciar sobre as medidas que podemos tomar.
#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ busca concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.

A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 105 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 27 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.