O BNG tilda de “forza incendiaria” ao Partido Popular coas Festas da Coca

Redondela/BNG | A organización nacionalista cualifica de “exemplar como viviron os e as redondeláns a ausencia da Corporación ás manifestacións de carácter relixioso”. Pola contra, repudian a actitude “do Partido Popular, quen se amosou como unha forza que emprega as crenzas persoais, para fomentar un ambiente hostil entre a veciñanza”.

Dende o Bloque Nacionalista Galego, valórase moi positivamente a transición que se viviu estes días, en canto á non presenza de cargos institucionais nas manifestacións de carácter relixioso, con motivo da celebración das Festas da Coca. “Os veciños e veciñas de Redondela deron un novo exemplo de madurez democrática”.

Afirman que a ausencia aos actos relixiosos de concelleiros e concelleiras das forzas con representación municipal, agás o PP, “non só foi a expresión dun acordo político, senón que recolleu o sentir da meirande parte da poboación, que vían a asistencia de cargos municipais nestes eventos, como un evidente oportunismo político”.
Tildan dende a forza nacionalista, de “incendiaria e irresponsábel” a estratexia marcada dende o Partido Popular, “pretendendo sacar tallada política desta nova situación, que a veciñanza viviu con absoluta normalidade”. Aseguran que o PP quedouse só nesta estratexia, rozando o ridículo máis espantoso.

Pola súa banda o voceiro municipal nacionalista, Xoán Carlos González afirma que a presenza dun numeroso grupo de concelleiros e un deputado do PP nas manifestacións relixiosas, “resposta ao interese por patrimonializar uns actos, que unicamente lle corresponde aos crentes, aos fieis, sen entrar no dereito que cada un dos concelleiros e concelleiras a participar a título persoal”. Para o voceiro do BNG, os e as redondeláns, demostraron a súa madurez democrática, sen caer nas provocacións aos que os someteu o Partido Popular.

“Facemos unha valoración positiva das iniciativas tomadas posto que de verdade se tivo en conta a vontade, tanto dos crentes como dos non crentes. Queremos poñer en valor a recepción que se prestou ás Penlas e Danzantes dende o Concello, remarcando o carácter civil deste acto, que verdadeiramente representa aos cargos electos pola vontade da veciñanza”, rematan na súa nota.